Por X.M. Fernández | Chantada | 22/08/2017 | Actualizada ás 12:29
Nesta recta final de agosto, Chantada celebra por todo o alto as súas Festas Patronais cun variado e interesante programa no que destacan actividades que dignifican o rural e as súas tradicións, eventos musicais e encontros gastronómicos. O día 25 terán lugar as IX Olimpíadas Rurais, un encontro lúdico-deportivo no que varios equipos compiten para superar varias probas ou deportes relacionados cos traballos agrarios: lanzamento de forcadas, lanzamento de alpacas, carreiras de rolos de herba ou carretaxe de cestos con uvas... Trátase, pois, dunha peculiar forma de dignificar o agro con humor. Para rematar esta primeira xornada haberá un concerto do grupo Gin Toni’s.
O sábado 26 pola mañá as protagonistas serán as formacións musicais locais. Pasarrúas dos “Gaiteiros da Escola Tradicional de Música” con acompañamento dos Cabezudos, e actuación da “Banda Municipal de Gaitas de Chantada”. Pola tarde actuación do grupo “A Fonte de Merlán” e repite a “Banda de Gaitas do Concello”. O prato forte desta xornada é o “Folión de Carros” a partir das 23.00 h. Mostra etnográfica especialmente interesante que disque se remonta ao tempo dos romanos ou a Idade Media e que foi declarada de Interese Turístico de Galicia no ano 2002. O pregón correrá este ano a cargo do mestre Félix Pérez Román, orixinario da zona onde empezou a docencia, emigrado en Canarias e moi ligado no seu tempo á organización do Folión.
O domingo 27 a música reinará en Chantada; pola mañá haberá pasarrúas e concerto das formacións chantadinas citadas e pola tarde, ás 18.30 h. terá lugar o XXVI Certame de Bandas de Música na Praza do Cantón.Participan nesta edición a Banda de Música de Chantada, a Agrupación Musical da Guarda e a Banda de Música Ciudad de Ponferrada. Pola noite verbena con orquestras. O luns 28 destaca a Festa Infantil con xogos populares e inchables no Parque Eloisa Ribadulla a partir das 17.00 h. Torneo de Fútbol, fogos artificiais ás 24.00 h. e verbena para rematar.
E como xa é tradición, o punto e final ás festas poñerao a Festa da Empanada o martes 29. Troula asegurada cos gaiteiros Os Barrios, as charangas Ardores e Garrafón.com e os Festicultores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.