Inxustiza co Peixegalego

O Consejo Superior de Deportes rexeita o recurso de Marín contra a decisión da FEB de deixalo fóra da LEB Prata e o Peixegalego queda sen praza para a vindeira campaña. O club marinense, que acusa á FEB de “manipular” a competición, estuda acudir á xustiza ordinaria. O CB Chantada si recupera a praza na Liga EBA.

Por gcdeportes | Pontevedra | 05/09/2017 | Actualizada ás 09:03

Comparte esta noticia

Non atenden a razóns e deixan a Marín sen a praza na categoría que lle corresponde: LEB Prata. O Consejo Superior de Deportes (CSD) ven de comunicar ao club marinense que rexeita o seu recurso presentado tras a negativa da Federación Española de Baloncesto (FEB) de inscribir o equipo marinense por, supostamente, defectos no aval bancario.

Javi Llorente, técnico peixe, dá instrucións dende o banco.
Javi Llorente, técnico peixe, dá instrucións dende o banco. | Fonte: pontevedraviva.com

Deste xeito, o CB Marín Peixegalego queda sen praza en ningunha das categorías organizadas pola FEB, e a única opción sería que a Federación Galega lle buscase acomodo nas categorías que organiza por debaixo da Liga EBA.

O Peixe Galego, que defende que presentou en tempo e forma toda a documentación, e que se cometeu defectos formais, non se lle concedeu a opción de correxilos, síntese “agredido” e carga duramente nun comunicado contra a FEB, á que acusa de mudar de argumentación para xustificar a súa decisión, xa que primeiro dixeron non ter recibido ningunha documentación e, tras a primeira queixa do Marín, apoiado pola FGB, aludiron á “invalidez do aval bancario”.

Para o Peixegalego, este xeito de proceder da FEB “non ten unha clara explicación, agás a busca a conciencia dun motivo para penalizar a Marín”. E critica o seu proceder acotío: “Todo isto pon branco sobre negro a forma de actuar absolutamente arbitraria e tendenciosa, onde a FEB manipula a competición ao seu antollo, ampliando equipos cando lle parece, como fixo en anos anteriores e en base a ningún criterio (LEB Ouro 2016-2017 pasa en agosto de 16 a 18 equipos). Modificando prazos a súa conveniencia (LEB Prata 2015-2016 onde se conceden ata dous prazos para correxir erros). Curiosamente, case siempre, favorecendo a equipos de maior entidade, aos que ademáis proporciona vantaxes destacábeis como o feito de non pedir aval aos filiais de ACB”.

Asemade, a directiva marinense entende que “non deixa de ser rechamante” que a notificación da 'non' inscrición se producise o 18 de xullo e que en pleno mes de setembro a FEB non devolvese aínda os 10.000 euros abonados en materia de inscrición e o correspondente a outro pagaré de 10.000 euros máis.

“Consideramos dende o Marín Peixegalego que a FEB renuncia á súa esencia, que debe ser a defensa e a protección do baloncesto. Vulnera as súas funcións eliminando dunha tacada o traballo de anos, as opcións dun club modesto de permanecer mantendo un soño e unha ilusión, obviando a boa fe manifesta”, explica o club no seu comunicado.

A decisión do Consejo Superior de Deportes deixa unha única vía ao Peixe Galego para defender os seus intereses deportivos, acudir á xustiza ordinaria. Por iso, Marín avanza que “o club estudará e esgotará todas as vías que o ordenamento xurídico pon á súa disposición”.

Por outra banda, a directiva marinense manterá en nómina o corpo técnico do equipo LEB. “O club manterá a todos os adestradores e o corpo técnico de LEB Prata na súa estrutura, buscando manter a maior calidade nas categorías de formación e ser un referente a ese nivel. Traballaremos aínda con máis folgos para conservar a identidade e idiosincrasia do Marín Peixegalego”.

En troques, o CSD si atende a reclamación do CB Chantada (remitiu a documentación á FGB por correo certificado, pero esta non o recolleu e non chegou a tempo á FEB), polo que o equipo lucense, con case dous mes de retraso, recupera a súa praza na Liga EBA, á espera de coñecer a configuración dos grupos e o novo calendario.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta