O nacionalismo galego di adeus a Bautista Álvarez

Foi soterrado este domingo pola tarde na súa parroquia natal, en San Amaro, Ourense.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2017 | Actualizada ás 20:37

Comparte esta noticia

Familiares, amigos e compañeiros de filas deron o seu último adeus ao histórico dirixente nacionalista Bautista Álvarez, quen foi enterrado este domingo pola tarde na súa parroquia natal, en San Amaro Ourense. Deste xeito, tal e como expresou o BNG na súa conta de Twitter, o nacionalismo galego despediu a un home "irrepetible" de quen, subliñou a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, "seguir aprendendo". E é que diversos compañeiros e amigos tiveron unhas últimas palabras para este ourensán nado no seo dunha familia de modestos agricultores, quen faleceu este sábado aos 84 anos de idade.

O nacionalismo galego di adeus a Bautista Álvarez
O nacionalismo galego di adeus a Bautista Álvarez | Fonte: Europa Press

Entre as persoas que pronunciaron un pequeno discurso no enterro deste membro fundador da Unión do Povo Galego --organización política da que foi presidente desde 1977 ata 2008-- atopábase Francisco Rodríguez, quen foi secretario xeral da UPG: "Amigo Bautista, continuaremos co traballo de facer de Galicia un país normal", dixo.

Tamén tivo unhas sentidas palabras para este activista que participou na fundación do BNG en 1982 a política nacionalista e escritora Pilar García Negro, quen lembrou que Bautista Álvarez consagrou a súa vida para que Galicia "non sucumbise á maré española e global".

A esta opinión sumouse o actual secretario xeral da UPG, Néstor Rego, quen remarcou que as persoas que entregan a súa vida a unha causa, como o fixo este deputado no Parlamento galego, "non morren nunca": "Bautista acompañaranos sempre ata alcanzar o obxectivo da República galega".

Bautista Álvarez foi velado e enterrado na tarde deste domingo na súa parroquia natal, San Cibrao de Las, en San Amaro (Ourense), por expreso desexo da súa familia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta