O partido sen principios e "a hora feliz"

Lia o outro día unha análise moi interesante sobre os posibles efectos políticos da crise económica e unha das máis probables consecuencias da crise será, segundo ese analista, o rexurdimento de movimentos políticos xenófobos e populistas da dereita en Europa. Tamén dicía que en España o PP taponaba ese espazo e o absorbía.

Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 20/10/2010

Comparte esta noticia

Como case todo na vida, que o PP recolla o apoio da estrema dereita ten unha parte boa e outra mala, a boa é que impide o surximento dun partido puro de estrema dereita ao estilo de Le Pen en Franza, a parte mala é que unha parte da estrema dereita pode acceder a un dos partidos que está chamado a turnarse no poder central en España e polo tanto pode acceder a resortes fundamentais de poder, isto é especialmente grave e preocupante nunha arquitectura institucional, que como a española, presenta gravísimos defectos, nomeadamente na separación de poderes, como se ten sinalado en artigos anteriores.

O feito de que o PP recolla un espectro tan amplo de votantes e que necesite recollelos para poder acceder ao poder xa que non ten aliados potenciais, fai que consideren que teñen que obviar os seus principios con moita frecuencia, ata o punto de dar a impresión, moitas veces, de que simplemente, non teñen principios. Un dos seus lemas é, “o partido que máis se parece a Galicia” creo que os retrata perfectamente como o que son, un enorme conglomerado de intereses, onde se pode defender branco un día e negro ao seguinte segundo conveña aos intereses desa organización e dos seus membros, obviamente estoume a referir a intereses persoais e políticos que nada teñen a ver cos intereses da cidadanía gobernada. Está ben que o PP aspire ao poder, e algo ao que aspiramos todos os que estamos en política, o que xa non está tan ben é que non saibamos ao servizo de que principios e valores actuan, se é que teñen algún.

A desvergoña do Presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, argallando mocións de censura apoiadas, cando lle convén, en concelleiros transfugas, non deixa nada claro que o que está motivando esa moción sexa unha cuestión ideóloxica ou programática, senón o poder ao servizo duns fins que, ao non vir determinados por un acordo programático ou ideolóxico, vaia vostede a saber a que responde, pero desde logo, o que parece é que os principios non xogan nengún papel, papel que si xoga a falta absoluta de principios e de escrúpulos.

Cando o Partido Popular se divide nunha localidade nunca o fai por un choque ideolóxico ou de principios, e ademais todo o mundo sabe que o que se faga co dominio da organización será sempre o que gañe sen importar nen pouco nen moito o que defende, a sua fidelidade ao partido, nen os seus principios. O que resulta patético en todo isto é que os perdedores nestas liortas internas continuan desexando voltar ao partido sempre que sexan eles os que manden, o que demostra que entre xente sen principios e que só atende a intereses anda o xogo.

Cando o ex conselleiro e ex delegado do goberno Diz Guedes se foi do PP pouquiño despois de deixar  de ocupar postos de relevancia e presentou a sua candidatura independente en Tui, sabía que o problema non era a traición ao partido, todos sabían que se gañaba, voltaría para mandar, como voltou Rocha para mandar despois de facerlle unha censura aos seus compañeiro do PP co apoio do PSOE en 1998. Os que criticaban a Diz no PP por consideralo traidor, sabían perfectamente que nas municipais de 1999, sendo conselleiro, apoiou baixo corda, a candidatura independente do alcalde Rocha en contra da candidatura do PP.

Calquera ao que lle preguntásemos dirianos que o PP é un partido moi vinculado á tradición cristián de Galicia e con fortes complicidades dentro da igrexa católica pero a sua falta de principios ata chega a afectar aos elementos que poderiamos considerar claves dentro da sua (suposta) tradición ideolóxica, o conselleiro da Presidencia e número dous da Xunta, Alfonso Rueda demostrando a falta absoluta de principios do goberno galego, ata nalgo que poderiamos considerar moi vinculado cos pretendidos principios do Partido Popular, ocorreselle dicir, demostrando unha fonda falta de respecto pola igrexa e polas suas tradicións, que habería que prolongar o ano santo outro ano máis, exactamente igual que se estiveramos falando de prolongar a “hora feliz” nunha discoteca para aumentar a facturación. Naturalmente o arcebispo de Santiago, Julián Barrio viuse obrigado a intervir, recordando o que todo o mundo recorda menos os dirixentes do Partido Popular, que o ano santo se celebra cando o 25 de xullo coincide en domingo, vai resultar que a falta de principios tamén provoca amnesia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA