Programa 331 A

Fai pouco mais dunha semana, cando enviei a última colaboración a Galicia Confidencial, prometinme que as próximas serían sobre temas sen relación directa coa cooperación internacional ao desenvolvemento, as ONGD ou os movementos sociais. Desde logo no panorama político, social ou económico, tanto galego como español hai temas xugosos que comentar.

Por Emilio Martinez | Vigo | 27/10/2010

Comparte esta noticia

As leccións de economía barata do aínda presidente da CEOE  dan para mais dun comentario, igual que dan para moito falar o escaso esforzo dos sin por presentar alternativas  á política do goberno. Para moito darían tamén os exabruptos do alcalde de Valladolid e o tozudo silencio de Mariano Rajoy... quen cala outorga?. A estratexia política do PP dá non para un artigo senón para unha serie na que abordar todo o que esconden os seus calculados pasos cara á Moncloa aínda a consta de provocar unha fractura social e a quebra das institucións. Por exemplo abordar a estratexia de “acercamento” dos populares á extrema dereita social: recurso ante o constitucional da lei sobre matrimonios entre persoas do mesmo sexo;  á extrema dereita relixiosa: o apoio ás mobilizacións contra a nova lei do aborto; acercamento á extrema dereita económica: reparto ao mellor postor da prestación de servizos públicos; extrema dereita política: criminalización dos inmigrantes para captar votos… E non nos esquezamos dos ríos de tinta que os cambios no goberno de Rodríguez Zapatero teñen feito manar e aos que sempre se pode engadir una pinga mais.

Galicia tamén está enchida de temas para comentar: por exemplo o “harakiri” eleitoral cara o que os seus dirixentes parecen querer conducir, con tesón incansable, ao BNG;  ou a inexistente política do goberno galego por moito que o mesmo pretenda ocultar a súa carencia de sustancia a base de power points de cores, tal e como fan os malos profesores…

Pero aínda que como vemos os temas de interese son moitos a realidade dos orzamentos para o ano 2011 presentados por Nuñez Feijoo o pasado 19 de outubro faime retomar a artigo pasado “Pasos a prol da solidariedade” alí onde o deixei. Anunciaba naquel texto que uns días despois, o sábado 16 de outubro, representantes dos partidos políticos galegos asinarían, xunto á Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, o Pacto Galego contra a Pobreza. A sinatura do pacto produciuse no marco dun acto magníficamente organizado no Salón Nobre de Fonseca, con certa repercusión mediatica. Con este pacto os partidos político, entre outras metas, comprometíanse a incrementar os fondos que a Xunta de Galicia destina á cooperación para o desenvolvemento: co obxectivo de acadar o 0,7% no 2017. Tres días duraron as esperanzas de que as promesas se converteran en realidade e non foran só palabras ocas sobre papel mollado.

Nos orzamentos presentados, o programa 331 A, “Cooperación exterior e ao desenvolvemento”, conta dunha dotación de 7,87 millóns de euros. Isto ven a significar o 0,075% dos orzamentos da Xunta. A caída con respecto ao ano anterior é espectacular: case 2 millóns de euros, mais dun 19%, o que mais que dobra o recorte xeral dos orzamentos, que foi dun 9,3%.  Si comparamos o fondos que o PP destinará a cooperación no vindeiro exercicio co orzamentado polo goberno anterior, no ano 2009, a caída é dun 33%. Nen mais nen menos que un terzo do pouco que se logrou nunha década desaparece neste bienio popular. O exiguo 0,1%  dos orzamentos adicados a cooperación, 11,6 millóns de euros, que criticamos ao goberno do PSdG-PSOE/BNG semella agora unha cifra gorentosa.

Aínda que queda por diante todo o trámite parlamentario difícilmente podemos crernos que a maioría absolutista do PP vaia modificar sequera minimamente as cifras anunciadas. A hipocresía, o prometer en falso e a mentira forman parte da práctica política que os cidadáns sufrimos e as forzas que hoxe reúnen as ONGD en Galicia son escasas para enfrontala.

Despois do mazazo dos orzamentos da Xunta, as malas novas, respeito ao que vai acontecer coa solidariedade institucional galega durante os próximos anos,  non remataron. O venres, 22 de outubro, algúns medios facíanse eco do anunciado abandono do concello de Lalín do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. As razóns que xustifican tal medida, feitas públicas polos portavoces municipais, non poden ser mais peregrinas e faltas de fundamento. Aínda que sobre todo o que son é cutres. Di o concello de Lalín que deixan do Fondo porque “hai un beneficio escaso para o concello de Lalín da actividade da institución”. Quedalles por explicar cal é o beneficio que pretender sacar dunha institución que o que fai é financiar proxectos en países en vías de desenvolvemento: Perú, Cabo Verde e Mozambique fundamentalmente por medio de entidades locais ou proxectos de ONGD galegas en países como a India ou moitos de América Latina. Di tamén o concello de Lalín que a medida suporá un aforro económico: 1.600 euros. Moi ben deben estar as arcas municipais se con tamaño aforro conseguen cadrar as contas.

O Pacto Galego contra a Pobreza asinado por Manuel Ruiz Rivas di textualmente que os asinantes comprométense a “impulsar que todas as administración públicas galegas (entidades locais e supramunicipais) tendan a adicar, ao menos, o 0,7% dos seus orzamentos consolidados a Axuda Oficial ao Desenvolvemento.”

E aínda algún político non se explicará porque a sociedade valoran tan pouco o papel dos partidos nesta a nosa sociedade. Igual que rematábaos o artigo anterior rematamos este: “Cóllese antes a un mentireiro que a un coxo”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.