Por Galicia Confidencial | Tomiño | 18/10/2017 | Actualizada ás 17:37
1.1 Fotografía formámolo dúas persoas, Elia Fuentes e Yanka Soto (nados en Vigo e Nigrán, respectivamente), polo que a ambos tocáronnos directamente as imaxes que captamos polos incendios, xa que coñecemos de man toda a contorna.
A mañá do domingo, eu, Yanka, estaba en Baiona, onde sobre as dez da mañá prendera o lume novamente na contorna da Virxe da Roca e o IES Primeiro de Marzo.
A calor que había a esa hora e o fortísimo vento do sur eran inusuais e contextualizou todo o ambiente nunha bomba de reloxería. E así foi.
Dende Baiona xa divisei un foco na serra do Galiñeiro (Gondomar), non moi grande, pero xa deducín que aquílo ía acabar mal, moi mal. E publiquei no meu perfil en FB as primeiras imaxes advertíndoo. "Hoxe será un desastre dos grandes".
De regreso á miña casa en Candeán, pola autoestrada xa podo ver como arde o Galleiro, Soutelo, Redondela, e cando chego ao aeroporto de Peinador xa constato que os lumes están moi avanzados, xa que levaban ardendo dende primeiras horas da noite.
A miña compañeira, Elia, ponse en contacto comigo e coméntame que está en Vincios no medio dun caos absoluto. Entre coñecidos aferrados a axudar á xente, nada que non fixese calquera persoa ese día neses lugares. Era un patrón que se repetía en todos os focos. Os veciños tentando parar o lume como podían... Bombeiros, efectivos policiais, Protección Civil, Garda Civil e, sobre todos a veciñanza, o colectivo máis numeroso, organizándose pola súa conta, correndo dun lado a outro, sumidos nun caos absoluto.
O aire irrespirable por fume e cinza, e a calor do propio día e do lume. Un vento fortísimo incrustaba ainda máis nos ollos todo a cinza e o lume. Sen apenas visibilidade, e todos correndo cos escasos medios que había: cubos, capachos e mangueiras de xardín e ramallos a modo de bate de lume, no mellor dos casos. E camións cargados con colectores de lixo cheos de auga.
Moita xente acudindo a axudar a Beade, Vincios, Meixoeiro, San Paio, Cuvi, Camos, Chandebrito, Tui, Amorín en Tomiño...
A xente instintivamente trataba de salvar o seu, sacar os animais aos camiños, recoller aveños, roupa... de todo. Temendo xa polo peor. Tratan de chegar a lugares controlados e bloqueados por seguridade e vívense momentos de pánico e frustración. Carreiras atropeladas entre uns e outros e ti no medio, implicado, porque non podes estar alí sacando fotos vendo aquel desastre sen implicarte e axudar. As fotos xa pasan a segundo plano nese momento.
Acaba o dia tentando sortear as estradas cortadas, PO552 en Roteas, Coruxo, Fragoselo, co lume cada vez máis avivado, e topas de noite con rapaces novos enfrontándose eles sós ao lume. Policia por todas partes, e xa percibes o ambiente que se viviu neses momentos en Vigo; policías de incógnito vixiando calquera movemento nas zonas boscosas, patrullas cidadás tomando matriculas de vehiculos...
As nosas contas nas redes e nos grupos de Whatsapp xa son imposibles de seguir, o chorreo de información é constante durante todo o día. A xente que tiña o lume diante estaba desesperada e en moitos casos soa. Pero tamén moita información falsa, e sen ningún referente oficial que poder seguir e informarte nestes casos.
Elia volve na noite para Tomiño. A súa casa está arrodeada no linde co monte e xa nos preparamos para o peor. Sen luz, coas mangueiras preparadas e o coche listo para escapar. Todos os veciños de Carregal de Arriba (Tomiño) estaban na mesma situación, cos ollos postos no monte e nas súas casas.
O froito de todo isto son tres publicacións, concisas pero moi contundentes...
Chegada a choiva, o luns pola mañá, decidimos volver polos nosos pasos, a Baiona, Vincios e Chandebrito, para deixar reflectida a barbarie que NUNCA debeu acontecer. De aí este vídeo, porque queríamos que a xente tivese unha visión da magnitude do que vivimos e viviron os veciños o domingo 15 de setembro de 2017. Outra data marcada na historia negra de Galicia.
Este é voo con dron que realizamos:
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.