Por Xurxo Salgado | Compostela | 20/10/2017 | Actualizada ás 14:53
“É a primeira vez que todos os corpos de emerxencia estamos xuntos para unir as nosas voces e buscar solución ao caos que se viviu en Galicia nos últimos días durante a vaga de lumes. Buscaremos solucións para evitar unha nova situación así, xa que a Xunta non foi quen de facelo”. Miguel Ucles, presidente da Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia foi claro e meridiano ao referirse á xuntanza histórica mantida entre bombeiros, brigadistas, axentes forestais e traballadores do 112 para reclamar un cambio profundo na política contraincendios da Xunta de Galicia.
Nunha rolda de prensa conxunta celebrada este venres en Santiago, representantes destes tres colectivos apostaron por unha clara política de prevención, pola profesionalización dos servizos de emerxencias e pola creación dun mando único para evitar o caos vivido este pasado domingo. “O que queremos é un servizo público, profesional e de calidade que non estea en mans de empresas privadas”, indicaba Josafat Puente, do Comité de Empresa de Seaga en Pontevedra.
“Total improvisación”
Así, os integrantes destes servizos, que traballaron extenuantemente o pasado domingo, denuncian unha “total improvisación” por parte da Xunta e unha “completa falta de coordinación”. Así, Rafael Cudeiro, axente forestal, criticou o “ninguneo” por parte das administracións aos profesinais do servizo contraincendios. “Andabamos dun lado a outro pola total descoordinación dos mandos”, indicou.
Pola súa banda, Susana Camba, do 112, dixo que este servizo viuse “totalmente desbordado” ante a magnitude da traxedia. “Só había sete persoas ao principio para antender centos de chamadas”, indicou, “só cando a situación estaba desbordada chamaron a novos compañeiros para botar unha man”. Así, narrou unha situación de “caos total” onde os traballadores “non sabían que pasaba” e había unha falla de coordinación “completa”. “Está claro que esta vaga de lumes sería diferente se se xestionara doutro xeito e cunhas directrices claras e un centro de mando adecuado”, indicou.
Tamén Josafat Puentes fala de “descoordinación de todos os medios” na loita contra os incendios. “Todos sabiamos que ía ser un día complicado e a Xunta estaba sobreaviso, pero non tomou ningunha medida”, criticou. Así, lembrou que cando aconteceu a traxedia incendiaria en Portugal, o pasado xuño, xa avisaron á Xunta do que podía pasar en Galicia. “Eles contestaron que aquí iso era imposible... E resulta que, finalmente, o tivemos na casa”, salientou.
Ademais denunciou que se teñan despedido a numerosos efectivos cando non rematara o periodo de seca e perigo e que, logo, os chamaran a correr. “Nin tampouco ten sentido ningún que estean vixilando os montes cando chove, no canto desbrozalos”, queixouse.
“Desidia” das administracións
Pola súa banda, o bombeiro Gustavo Tobío, dixo que a catástrofe tería sido “moito menor” senón houbera a “improvisación que houbo”, por parte das institucións públicas, nomeadamente, a Xunta. A creación da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) está, dixo, “para coordinar” e o que fixo foi “descoordinar”. Ademais, lamentou que desde traxedias como Angrois ou o incendio de Fandicosta non cambiara o seu protocolo de actuación. “Hai unha total desidia e desorganización entre Xunta, concellos e deputacións que logo sofren os cidadáns”, lamentou.
Por iso, todos estes profesionais denuncian a “falla de estrutura e de homoxenización dos servizos públicos” e reclaman a creación dun mando único de coordinación, a profesionalización total dos servizos públicos e políticas de prevención claras e concretas. “Se a Xunta non o fai, pois o tentaremos facer nós”, suliñou Ucles. De feito, esta xuntanza serviu de toma de contacto entre os distintos corpos de emerxencia e será a primeira de varias para tentar crear un "tecido social paralelo" para organizarse mellor ante situacións semellantes “se as administracións non reaccionan”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.