Por Marcos Pérez Pena | | 11/11/2010
O xornal de Santiago Rey atravesa dificultades económicas. Á súa custosa estrutura de delegacións tivo que sumar nos últimos tempos a posta en marcha da súa canle de TDT e a compra dunha moi cara rotativa nova. Aínda que nos dous casos contou cunha xenerosa axuda económica do goberno de Núñez Feijoo (ollo, a mesma axuda coa que contan o resto dos medios, para ben ou para mal), estes problemas económicos xa están tendo consecuencias para os traballadores. Hai uns meses a empresa propúxolles aos redactores unha revisión do convenio laboral que incluía unha oferta de redución dun tres por cento nas nóminas e a ameaza de que se o convenio era rexeitado o xornal tería que desfacerse duns cincuenta traballadores. Os sindicatos con representación nos distintos comités de empresa (Sindicato de Xornalistas, CC.OO., UXT e CIG) aceptaron o preacordo de medidas transitorias anticrise 2009-2012. Porén, a actitude dos sindicatos foi criticada por un bo número de traballadores, que ve na aceptación da oferta da empresa, un primeiro paso para futuros recortes. Ademais, nos últimos tempos aumentaron os rumores sobre novos recurtes no convenio laboral dos traballadores do xornal.
La Voz de Galicia é o primeiro xornal do país sen discusión, sobre todo en termos cuantitativos. Con case 600 mil lectores diarios duplica ao segundo, o Faro de Vigo, mentres que para atopar o terceiro temos que baixar até os 123 mil de El País. Nos últimos trinta anos tivo tamén a capacidade de marcar os tempos da política galega, a axenda dos partidos, dos electores e dos restantes medios. Fíxoo ademais, sen necesidade de publicar editoriais e sen facer explícita a súa posición, agás nalgunhas ocasións moi singulares. Como escribiu Manolo Barreiro, "La Voz tivo maior autonomía política que calquera outro dos medios galegos históricos, esa autonomía expresouse con maior vigor a medida que o devalar político de Manuel Fraga se facía cada vez máis acusado. O debilitamento do poder do fraguismo traduciuse nun papel máis autónomo e tamén máis abertamente político da Corporación Voz, autonomía e influencia que no tempo do bipartito non fixo máis que engrandecerse". En efecto, o apoio da La Voz ao Partido Popular nas elección de 2009 foi claro, e este respaldo mantívose nos 18 primeiros meses de Núñez Feijoo. Os motivos que puideron levar a Santiago Rey a tomar a decisión de cargar contra os partidos do bipartito son varios: por unha banda a creación dun xornal con sede na cidade da Coruña, o territorio natural de La Voz, impulsado polo entorno do vicepresidente Anxo Quintana, polo outro un concurso eólico que non beneficiou aos empresarios coruñeses na medida en que estes desexaban, ou tamén unha aposta xeral do goberno de Emilio Pérez Touriño por reequilibrar o país, outorgando máis protagonismo ao sur, en especial á área metropolitana de Vigo.
Boa parte do actual dominio de La Voz pode explicarse por un feito xeracional, con orixe nos anos setenta e oitenta, principalmente, produto do compromiso coa democracia que o xornal demostrou entre 1969 e 1977 baixo a dirección de Francisco Pillado. Nese período La Voz deulles voz ás forzas da oposición, informou das folgas e manifestacións e da represión dos últimos anos do franquismo. O xornal corría de man en man entre os obreiros de Vigo e Ferrol e entre os estudantes de Compostela, e foron varias as multas que o Ministerio de Información lle impuxo; de feito, o propio Manuel Fraga tiña prohibida a entrada no xornal por orde de Pillado. Xa durante os primeiros anos de Juan Ramón Díaz á fronte do xornal, La Voz seguiu defendendo a construción dun autogoberno galego, con portadas históricas que hoxe serían impensables na cabeceira coruñesa, como a que o 22 de novembro de 1979 chamaba a manifestarse contra a aldraxe do proxecto de Estatuto proposto pola UCD, cun titular que a catro columnas dicía Hoy, jornada en defensa de la dignidad nacional de Galicia. Neses anos acelerouse o proceso de expansión do xornal, que chegou a ter 16 edicións, creouse a sección de Galicia, unha decisión que despois imitaron o resto de cabeceiras do país, e un grupo de xornalistas novos e comprometidos marcaban a liña do xornal, por exemplo, Luís Álvarez Pousa, cronista político do xornal e responsable da delegación de Santiago durante case dez anos. Nese momento, La Voz era moi distinta do resto dos xornais de Galicia, como afirma Luca de Tena, sobre todo polo localismo e conservadurismo destes: “As empresas pactaron coa ditadura que esta non lles creaba publicacións na súa área de influencia e eles non se metían coa ditadura. E ese foi un pacto de ferro que se cumpriu a ferro e fouce. Tiñan a ilusión de que o mundo ía ser así sempre, e iso pasoulle a todas as familias. La Voz de Galicia foi unha excepción niso, sobre todo coa dirección de Pillado, sobre todo porque Pillado foi un director excepcional".
Os lectores que agora teñen entre corenta e sesenta anos gardan dese período a imaxe de La Voz como un medio comprometido co país e dalgunha maneira progresista, en oposición á prensa local de cada cidade, máis conservadora e controlada pola elites locais, familiares e caciquís. Unha imaxe que unida ao hábito de tres décadas de mercar o mesmo xornal provocou unha identificación destes lectores con La Voz que será difícil de rachar, aínda que estean en desacordo co publicado pola cabeceira en certos momentos, por exemplo durante a campaña das últimas eleccións autonómicas. Este grupo xeracional é o que na actualidade ocupa os principais postos de responsabilidade en todos os ámbitos, e é ademais o que en maior medida merca prensa en papel. Ademais, La Voz soubo manter unha imaxe de "pluralismo (co)medido", en palabras de Manolo Barreiro, que lle permitiu presentarse "como espello da sociedade civil galega". Porén, Barreiro conclúe que "malfadamente, a día de hoxe, LVG non é espello da sociedade galega, nin mesmo un espello aceptabelmente deformado, é o soporte dun espellismo de sociedade civil. Un éxito non pequeno de Rey foi o eficaz proceso de expropiación da opinión cidadá e identificación da dita sociedade civil con La Voz. A fórmula de éxito é sabida: se non saes en LVG non existes, nada es. Con esta máxima preténdese domesticar os gabinetes de comunicación de empresas, partidos e asociacións. Maiormente funciona".
Porén, xa a partir de mediado dos anos oitenta, La Voz abandona a liña editorial progresista e galeguista que tivera até aquel momento. Ademais da loita pola capitalidade, na que o xornal foi o abandeirado da posición 'coruñesista' e a partir da que quedou ligado irresolublemente á acción política e ideolóxica de Paco Vázquez, chegou o poder autonómico e con el a decisión da empresa de tomar as rendas da información política galega e de limitar a autonomía da que até aquel momento gozaran os xornalistas. Este proceso, que afectou a todas as cabeceiras do país, completouse cando as empresas de información se converteron en empresas multimedia, o que aumentou aínda máis o control que os editores querían ter sobre as decisións xornalísticas. Entre outras cousas a dirección de La Voz restoulle á delegación de Santiago boa parte do seu protagonismo, en beneficio da sede central do xornal, co obxectivo de controlar mellor a información publicada. Dende aquel momento, La Voz quere influír na política galega dende a cidade da Coruña, actuando como instrumento dos grupos de poder locais, empresariais (Inditex, Jove, Castellanos...) e financeiros (Caixa Galicia e Banco Pastor). Perdida a loita pola capitalidade nos anos oitenta, unha derrota que aínda doe, as elites coruñesas buscan liderar Galicia en beneficio propio, marcando o ritmo das decisións políticas e a axenda informativa, da mesma maneira que as elites madrileñas e os medios de comunicación da capital do Estado fan cos políticos e a prensa 'de provincias'.
O ataque de La Voz contra o goberno bipartito e os posicionamentos conservadores adoptados polo xornal en asuntos tan sensibles para a opinión pública progresista como a lingua están debilitando a ligazón que durante anos se estableceu entre o xornal e unha gran masa de lectores, que o adoptaron como referencia, como voceiro dos seus intereses e como representación da súa visión de Galicia e do mundo. A desconexión é gradual pero inevitable, como inevitable é a redución da audiencia do xornal a medida que a xeración da Transición que sostén a La Voz de Galicia vai envellecendo e non é substituída por novos lectores. Pode que os problemas económicos da empresa de Santiago Rey sexan a orixe da campaña que encetou contra o bipartito, pero nesta batalla, na que Touriño e Quintana perderon o goberno, La Voz tamén acabou ferida, espida fronte aos seus lectores máis fieis. Se cadra a deserción non é inmediata, pero despois do 1 de marzo para moitos, aínda que o sigan mercando a diario, La Voz xa non é o xornal que os representa.