Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/11/2017 | Actualizada ás 09:00
Trama incendiaria. Organización criminal e organizada. Pirómanos pagados... Ata agora son moitas e moi diversas as explicacións que se están dando para entender quen prende os lumes ou como arden os nosos montes. Pero, polo momento, non hai patróns comúns de comportamentos. Tras a vaga de lumes deste outubro, o presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González, científico no CSIC, aporta datos moi interesantes sobre a orixe e a propagación das lapas na última onde incendiaria.
Nunha charla este venres na Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago, convidado pola Delegación de Alumnado do centro, González fixo unha comparativa da velocidade de propagación do lume en tres tipos de masas forestais, “ben mantidas e conservadas”: unha carballeira, un piñeiral e un eucaliptal. No caso da carballeira, a velocidade de propagación en condicións normais é, segundo explicou, de 10 metros por minuto; no piñeiral, esta cifra aumenta a 12 metros por minuto, un 20% máis; e no caso do eucaliptal, “igual de ben coidado e xestionado” a velocidade increméntase ata os 15 metros por minuto.
“É dicir, a velocidade de propagación do lume nun eucaliptal é un 50% máis rápida ca nunha carballeira”, recalcou o experto, ao que engadiu que “mesmo nas condicións máis favorables” un lume nun eucaliptal pode xerar focos secundarios a 400 metros de distancia”.
E en malas condicións?
E se isto pasa nas mellores condicións, que pode chegar a acontecer nas peores, nunha masa de eucaliptal moi densa e mal mantida?. Segundo expuxo o investigador, autor de máis de 60 artigos en revistas científicas sobre incendios forestais, en condicións negativas os focos secundarios esténdense a case un quilómetro de distancia e, se o vento axuda, esta cifra pode subir ata os tres quilómetros.
Isto explica, segundo dixo, que cando hai lumes de copa nos eucaliptais os focos se multipliquen a gran velocidade e, a máis intensidade do lume, máis focos e ata distancias maiores. “Cando pasa isto a xente comeza a dicir que anda alguén no monte prendendo lume, pero non, estes lumes poden saltar, esas faiscas incandescentes provocan múltiples lumes secundarios tanto preto como lonxe do foco inicial”, subliñou González.
Arder 60 metros por minuto
“Se nunha carballeira ben mantida a velocidade de propagación do lume é de 10 metros por minuto, nun eucaliptal mal mantido, no que non se teñen realizado os rareos oportunos, esta cifra pode dispararse ata os 50 ou 60 metros por minuto, cinco veces máis rápido ca na carballeira e, ademais, xerando focos secundarios ata case a tres quilómetros de distancia”, recalcou o investigador, ao tempo que apuntou que “isto é o que explica porque os incendios da provincia de Pontevedra son máis perigosos para as persoas ca os do resto da comunidade”.
Falta de vontade política para solucionar este problema
Con respecto á pregunta de se detrás da vaga de lumes -a de hai quince días, a de 2006 ou calquera outra anterior- pode haber unha conspiración incendiaria, Serafín González, insiste en que “non hai ningunha proba de que iso exista. Galicia leva sufrindo lumes reiterados desde hai moitos anos e estou seguro de que de haber algunha trama sería imposible que pasase desapercibida no mundo rural galego”.
Detrás, baixo o seu punto de vista, hai múltiples e moi variadas causas, entre as máis importantes, “unha terrible falta de vontade política para superar este problema”. Neste senso, non dubidou en afirmar que “en Galicia o 90% dos incendios son causados pola man do home” e “hoxe, igual ca no pasado, os incendios seguen a ser unha arma de ataque entre partidos”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.