Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/11/2017 | Actualizada ás 17:07
O portavoz de En Marea, Luís Villares, cargou este sábado contra a "covardía" da Xunta, á que acusa de practicar "o escapismo" na súa xestión da vaga de incendios de mediados do mes de outubro logo de que rectificase semanas despois o número de hectáreas queimadas.
Villares visitou este sábado unha granxa caprina situada no municipio lugués de Samos, desde onde aproveitou para convidar á Xunta a crear oficinas informativas en todos os puntos afectados pola vaga de incendios, como xa anunciou que fará en Cervantes (Lugo).
O maxistrado en excedencia, criticou a actitude do Goberno galego caracterizada na súa opinión pola "covardía e o escapismo", en referencia ao comunicado emitido pola Xunta emitido o pasado venres no que elevaba a 49.000 as hectáreas calcinadas durante a vaga de lumes de outubro.
Así, indicou que o que ocorreu durante o que chamou "o domingo Negro" --15 de outubro-- "non é unha circunstancia excepcional" e que se volverá producir "se non se corrixen as políticas".
"Seguimos facendo un chamamento a todas as forzas políticas e á responsabilidade do PP para conseguir un Pacto Nacional polo Territorio", incidiu, para logo lamentar que os populares vivan "obcecados na súa incompetencia" e non queren "recoñecer a súa parte de responsabilidade por ter as masas forestais e o agro abandonados".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.