Temas: BALEAS CEMMA XUNTA

Cantas grandes baleas, mamíferos e tartarugas varan no litoral galego?

Medio Ambiente destinará 80.000 euros á Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) que estará vixente ata o 2019. O obxectivo é asistencia e recuperación de tartarugas e mamiferos varados nas costas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/12/2017 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Anualmente varan nas costas galegas unha media de 280 mamíferos mariños, moitos deles incluídos na listaxe de especies en réxime de protección especial e no Catálogo español de especies ameazadas. Por iso, e ante o gran número de avistamentos de grandes baleas dos últimos meses, a Xunta destinou unha partida para estudar este fenómeno. 

A tartaruga mariña Rostro cando foi liberada logo de máis de ano e medio de recupración nas instalacións de CEMMA
A tartaruga mariña Rostro cando foi liberada logo de máis de ano e medio de recupración nas instalacións de CEMMA

Durante o primeiro semestre de 2017 vararon nas costas galegas 125 exemplares, dos cales o 95 % foron mamíferos mariños, todos eles pertencentes a diferentes especies de cetáceos, excepto catro lobos mariños cincentos e tres lontras, e unha soa tartaruga mariña.

Un 10 % dos animais varados son recollidos con vida, o que fai necesario a súa asistencia e rehabilitación inmediata como medida imprescindible para contribuír á súa conservación. Así mesmo, o estudo dos cadáveres do resto de exemplares reporta información base imprescindible para a adopción das medidas axeitadas para poder actuar sobre as causas directas e indirectas de ameaza sobre estas especies.

E para analizar este fenómeno, o Consello da Xunta aprobou a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) para a asistencia, recuperación e estudo dos réptiles (tartarugas) e mamíferos mariños varados no litoral da Comunidade Autónoma durante o período 2018 e 2019, que contará cun orzamento de 80.000 euros.

FUNCIÓNS

Neste sentido, o convenio fomenta a correcta xestión e atención dos episodios de varamento que ocorren cada ano fronte ás costas galegas. No marco deste convenio, a Consellería de Medio Ambiente encargarase do deseño e supervisión das propostas de accións encamiñadas a prestar asistencia e recuperación das tartarugas e mamíferos mariños, en especial as relativas á reintrodución no medio natural dos exemplares recuperados, obxectivo primordial e fin último destas tarefas de recuperación. 

Labores de despece da balea no porto de Muros en 2013
Labores de despece da balea no porto de Muros en 2013 | Fonte: CEMMA

Pola súa parte, a Asociación CEMMA comprométese a comunicar a detección dos episodios de varamentos, ou con risco de varar, que ocorran nas costas de Galicia durante a vixencia do convenio, a prestar a asistencia necesaria aos animais varados vivos destas especies a determinar, de ser factible, a causa de morte no caso dos exemplares varados mortos, mediante os correspondentes exames post mortem e/ou a recollida de mostras necesarias.

Temas: BALEAS CEMMA XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta