O BNG tacha de "inmobilista" e "carente de sensibilidade" o discurso do Rei de España

Cre que "perdeu unha oportunidade de recoñecer os seus erros e os do Estado español en relación a Cataluña"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/12/2017 | Actualizada ás 17:26

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tachou de "inmobilista e carente de sensibilidade para o momento social e político que se está vivindo" o discurso de Nadal do Rei de España. A través dunha nota de prensa, critica que foi "previsible" e interpreta que defendeu unha idea "desfasada" de Estado español "na que miles de cidadáns non se ven reflectidos".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na sede do BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na sede do BNG

"Un discurso que non nos representa", censurou Pontón, para quen, en todo caso, as palabras de Felipe VI reafirman o "obsoleta" que está a institución da monarquía e a "necesidade de superar o actual marco".

Por outra banda, considerou que o monarca "perdeu unha oportunidade de recoñecer os seus erros e os erros do Estado español en relación a Cataluña cunha mensaxe que demostra non entender o resultado que democracticamente acaban de decidir os cidadáns a través do proceso electoral".

"Queriamos escoitar unha mensaxe na senda de avanzar no recoñecemento da plurinacionalidade, no recoñecemento das nacións sen Estado e que hai que dar un paso adiante para que esa plurinacionalidade e o recoñecemento dos dereitos desas nacións", subliñou.

"ASUME A TESE DO PP"

Na súa opinión, resulta "evidente" que no aspecto social "o monarca español asume a tese oficial do PP de que a crise está superada" e "non quere ver os graves problemas e desigualdade que seguen existindo".

Tamén lle reprochou que Galicia "estivo ausente do discurso", posto que non houbo "ningunha mención" aos seus problemas. "Un discurso sen a sensibilidade que este momento político require", resumiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta