O columnista que cuestiona a violación de La Manada defende o seu artigo porque fixo un estudo "antropolóxico e filosófico" do caso

Xabier Vila-Coia, nun artigo remitido a Galicia Confidencial, pídelle ao Colexio de Xornalistas que retire o seu tuit "ofensivo" contra el por dicir que o seu artigo era un "exabrupto machista de taberna" e asegura que "o tempo dedicado á procura, lectura e análise das fontes durou máis dun mes". O seu novo artigo no interior.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/01/2018 | Actualizada ás 08:30

Comparte esta noticia

"Dende aquí quero comunicar á opinión pública que o contido do devandito escrito non é xornalístico propiamente dito, senón antropolóxico e filosófico. Isto implica que está elaborado e redactado seguindo as premisas investigadoras e argumentais propias destas disciplinas". Deste xeito xustifica o politólogo e antropólogo Xabier Vila-Coia o artigo "El caso 'La manada': ¿Violación o película porno" que publicou o pasado 3 de xaneiro en tres xornais galegos; El Correo Gallego, Atlántico Diario e La Región, e nun vasco, Deia, e que foi duramente criticado por numerosos colectivos e asociacións, entre elas, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG).

"EXABRUTO MACHISTA DE TABERNA"

“¿Los gemidos de la mujer que se escuchan en las grabaciones son de agrado o de desagrado? ¿Cierra los ojos por miedo o por vergüenza? ¿No comunica nada a causa del shock o debido a que nada tiene que decir? ¿Se halla en posición doggy style por imposición o porque es una de las más habituales en esta clase de prácticas? ¿Le tiran del cabello para obligarla o porque no es infrecuente que así ocurra durante la excitación y el acto sexual?”. Son preguntas que se fai Vila-Coia no seu artigo que foi cualificado como un "exabruto machista de taberna" polo CPXG.

“O Colexio de Xornalistas lamenta moito que tres cabeceiras galegas lle desen espazo a exabruptos machistas de taberna que, envoltos nunha linguaxe pretendidamente académica, culpan a vítima dunha suposta violación”, escribía esta entidade na súa conta de Tuiter. "A título de exemplo direi que o tempo dedicado á procura, lectura e análise das fontes durou máis dun mes, e a redacción do texto final precisou de oitenta e tres borradores e vinte impresións para a corrección ortotipográfica, ortográfica, gramatical, semántica e de estilo", contéstalle Vila-Coia nun artigo remitido ao Galicia Confidencial. Ademais, en conversas con este medio, o columnista insistíu en defender o seu artigo e suliñou que "se non se entendeu" é porque "non se leu a fondo".

Xabier Vila-Coia
Xabier Vila-Coia | Fonte: vila-coia.com

Así, suliña que a súa "competencia investigadora está avaliada non só polo correspondente certificado de 'Reconocimiento de suficiencia investigadora' expedido pola Universidad Complutense de Madrid". Tamén "pola presenza dos meus libros en importantes institucións internacionais como a British Library e a Library of Congress, e nas bibliotecas de prestixiosas universidades como Harvard, Princeton e Stanford, entre outras". E destaca que "o máis grave é aseverar" que culpa á suposta vítima da súa violación "pois, se se é capaz de comprender o texto, fica ben claro que nada está máis lonxe da miña intención". Por iso, pídelle unha rectificación ao CPXG.

DESCULPAS

"Por todo elo, e debido a que estase difamando a miña persoa, a miña competencia académica e o meu comportamento deontolóxico, o que supón unha vulneración do meu dereito constitucional ao honor e á propia imaxe, esixo ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia a retirada inmediata do chío ofensivo, e a difusión doutro no que se pida desculpas polo seu contido", indica.

Ademais, felicita a El Correo Gallego, Atlántico Diario e La Región por non borrar o artigo da Internet, tal e como fixo o xornal Deia, logo das numerosas críticas recibidas.

O ARTIGO REMITIDO AO GC

NOTA ACLARATORIA DE XABIER VILA-COIA

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia difundiu un chío, o pasado día 5, co seguinte contido: “O Colexio de Xornalistas lamenta moito que tres cabeceiras galegas lle desen espazo a exabruptos machistas de taberna que, envoltos nunha linguaxe pretendidamente académica, culpan a vítima dunha suposta violación”, referíndose ao meu artigo «El caso “La Manada”: ¿violación o película porno?», publicado por Atlántico Diario o mércores día 3 de xaneiro e por El Correo Gallego e La Región o mesmo día 5.

Dende aquí quero comunicar á opinión pública que o contido do devandito escrito non é xornalístico propiamente dito, senón antropolóxico e filosófico. Isto implica que está elaborado e redactado seguindo as premisas investigadoras e argumentais propias destas disciplinas. A título de exemplo direi que o tempo dedicado á procura, lectura e análise das fontes durou máis dun mes, e a redacción do texto final precisou de oitenta e tres borradores e vinte impresións para a corrección ortotipográfica, ortográfica, gramatical, semántica e de estilo.

Integrantes do grupo coñecido como 'La Manada', acusados de violar a unha moza nos San Fermíns
Integrantes do grupo coñecido como 'La Manada', acusados de violar a unha moza nos San Fermíns | Fonte: lasexta.com

A miña competencia investigadora está avaliada non só polo correspondente certificado de “Reconocimiento de suficiencia investigadora” expedido pola Universidad Complutense de Madrid, senón tamén pola presenza dos meus libros en importantes institucións internacionais como a British Library e a Library of Congress, e nas bibliotecas de prestixiosas universidades como Harvard, Princeton e Stanford, entre outras.

Como científico social sei perfectamente en que consiste o machismo, coñezo o significado da verba exabrupto e inda podo identificar unha taberna, e no traballo de referencia non hai nin unha palabra, nin unha expresión, que teña nada que ver con estes descualificativos que o CPXG me atribúe. Así mesmo, é falaz que empregue unha “linguaxe pretendidamente académica”, posto que o escrito axústase en todo o seu contido aos parámetros definitorios desta clase de comunicación. Porén, o máis grave é aseverar que culpo á suposta vítima pois, se se é capaz de comprender o texto, fica ben claro que nada está máis lonxe da miña intención.

Por todo elo, e debido a que estase difamando a miña persoa, a miña competencia académica e o meu comportamento deontolóxico, o que supón unha vulneración do meu dereito constitucional ao honor e á propia imaxe, esixo ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia a retirada inmediata do chío ofensivo, e a difusión doutro no que se pida desculpas polo seu contido.

Quixera aproveitar esta nota de prensa para expresar o meu agradecemento aos tres xornais galegos  pola publicación do artigo e por mantelo na súa páxina web a pesar das presións para retiralo, e tamén ao xornal vasco Deia, aínda que este veuse na obriga de eliminalo de internet. Isto é fundamental, xa que o labor da prensa ademais de informar consiste en permitir o debate público de ideas, sempre necesario nos sistemas políticos democráticos os cales, pola súa natureza, deben estar suxeitos a un proceso continuo de disentimento e perfectibilidade.

Artigo de Xabier Vila-Coia en 'El Correo Gallego'.
Artigo de Xabier Vila-Coia en 'El Correo Gallego'. | Fonte: @xornalistas
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Exabruptos femiprogres

Ánimo a Xabier Vila-Coia. A loita contra a nova inquisición femiprogre é dura.

1 calquera

Lixo de fulano.