"Como se permitiu edificar enriba do lindano?"

A Plataforma Anti-lindano da Louriña acusa á Xunta e ao Concello do Porriño de tentar agochar o problema malia ter informes que demostran a contaminación por esta substancia canceríxena procedente das verteduras da empresa Zeltia no pasado século. Este colectivo ultima a denuncia sobre zonas afectadas no veciño Mos.

Por Galicia Confidencial | O Porriño | 10/01/2018 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

As intensas choivas destes días arrastran o lindano e, cando a auga se retira, as pegadas brancas do veleno quedan á vista. “Nos din que xa non hai exposición directa ao lindano, pero se pode coller coas mans. O barrio segue co lindano espallado polos camiños, e chega aos regatos, e ao río. E os pozos seguen contaminados”.

Refugallos de lindano nas estradas de Torneiros, no Porriño.
Refugallos de lindano nas estradas de Torneiros, no Porriño. | Fonte: Plataforma Anti-Lindano

Están afeitos a convivir co lindano no Porriño. Ven de lonxe o problema da contaminación polo pesticida dende que no século pasado a empresa Zeltia o producía nas súas instalacións e os residuos da fabricación (os cálculos falan de ata 1.000 toneladas de refugallos) se repartían a discreción pola zona. Incluso administracións e veciños ultilizábano para asfaltar estradas e camiños.

“Que non tenten focalizar o problema no Contrasto, porque afecta a todo o municipio. Non imos seguir tragando co lindano toda a vida...”, avisa Patricia Sío, voceira da Plataforma anti-lindano da Louriña, creada a principios de decembro “co obxectivo da localización, control e tratamento de todo o lindano espallado” pola comarca, trala reaparición do lindano nunhas obras de canalización en Torneiros. “Os esforzos que están a facer Xunta e Concello para tapar o problema, que ese esforzo o apliquen as Administracións en buscar dunha solución definitiva de forma coordinada”, reclama.

E que a Plataforma acusa á Xunta e ao concello de mirar para outro lado ante o problema. De feito, a Valedora do Pobo venlles de comunicar que tanto Goberno local como Consellería de Medio Ambiente négalles os informes solicitados sobre o lindano. E iso que a actual Xunta sabe do problema dende hai tempo. Un informe elaborado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil con múltiples sondeos na zona acredita a alta contaminación por lindano dos solos. A contaminación chega ao río Louro, e incluso ao Miño.

Despois de décadas de mirar cara outro lado, son múltiples as tarefas pendentes: acceso ás análises, control das augas, catas nas zonas afectadas, un mapa da contaminación, o selado das verteduras... “Abarcar o problema en toda a súa dimensión”, reclama Patricia. “E un protocolo de actuación para as persoas afectadas polo pesticida”, despois de que Sanidade detectase 14 casos de persoas con síntomas da exposición ao lindano.

Patricia Sío, voceira da plataforma, diante do coñecido como parque Lindano.
Patricia Sío, voceira da plataforma, diante do coñecido como parque Lindano. | Fonte: GC

Asemade, a Plataforma reclama a clausura do coñecido como parque Lindano, principal zona de ocio dos veciños levantada sobre toneladas de residuos de lindano supostamente seladas na década dos 90, “ata que se garanta” que non hai perigo para a saúde. “Como se permitiu edificar enriba do lindano?”, pregunta Patricia Sío, en referencia aos polígonos de vivendas de proteccción oficial de Torneiros.

Aínda que Torneiros é a zona 0 do problema, para os afectados sería un gran erro reducir a contaminación a este barrio cando o veleno está espallado por toda a comarca. De feito, a Plataforma ultima con múltiples testemuñas recollidas unha denuncia pública que presentará a finais desta semana sobre as zonas contaminadas no concello veciño de Mos, principalmente en Sanguiñeda. As obras da construción das casas de protección oficial e mesmo da autovía A-52 espallaron os refugallos de lindano, ese pesticida xa prohibido pola Unión Europea e que a Organización Mundial da Saúde considera como canceríxeno. Ese que persiste nos solos da Louriña ante a pasividade das distintas Administracións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta