Temas: INTERNET

Nova campaña para unha Internet en galego

A RAG e PuntoGal animan a proxectar o galego na Internet cunha baixada de prezos dos .gal e un concurso de micro-relatos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/01/2018 | Actualizada ás 17:11

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega e Puntogal  animan a toda a sociedade galega a reforzar a presenza da lingua e da identidade propias na Internet, xusto nun mes no que se conmemoran efemérides destacadas como os aniversarios de Rosalía de Castro (24 de febreiro), Eduardo Pondal (8 de febreiro) e o Día Internacional da Lingua Materna (21 de febreiro).

Vítor Freixanes, Manuel González e Darío Janeiro
Vítor Freixanes, Manuel González e Darío Janeiro | Fonte: PuntoGal

Por iso, colaborarán na promoción do dominio galego en Internet, .gal, nunha campaña que reducirá o prezo dos novos rexistros durante o mes de febreiro e premiará os mellores micro-relatos que participen no concurso convocado no marco desta campaña. 

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o presidente de PuntoGal, o tamén académico Manuel González, e o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, presentaron este martes na sede da Academia a campaña. Con esta colaboración, a RAG aposta por “seguir potenciando a presenza do idioma na modernidade que representan as tecnoloxías da información e  comunicación, e por reforzar a identidade de Galicia no ciberespazo a través de .gal”, salientou.

ELEMENTO DE IDENTIDADE

“A lingua galega é o noso primeiro e basilar elemento de identidade como galegos, e o dominio .gal é unha mensaxe continuada ao mundo a través do ciberespazo na que lles estamos dicindo que somos un pobo cunha lingua útil e funcional”, engadiu Manuel González. Un vehículo que animou a empregar a todos os organismos públicos, ao empresariado que exerce a súa actividade en Galicia e tamén a todos os galegos e galegas, para reforzar así “a cohesión social do noso pobo e tamén poñer en valor a calidade dos nosos produtos”.

A día de hoxe, .gal ten máis de 4.300 nomes rexistrados. O dominio é xestionado pola Asociación PuntoGal, a entidade sen ánimo de lucro constituída por entidades de todos os ámbitos da sociedade galega grazas á cal Galicia conta con esta marca de identidade no mundo virtual desde o ano 2014. Durante o mes de febreiro rexistrar un novo dominio .gal poderá facerse a un prezo máximo de 15 euros + IVE por dous anos. Os rexistradores acollidos son Dinahosting, Arsys, CDMon, Blacknight e Openprovider. As condicións da promoción poden consultarse en http://dominio.gal/promotion/ ou dirixíndose directamente ás empresas rexistradoras. 

PREMIOS

A Real Academia Galega e Puntogal convocan ademais un concurso de micro-relatos para avivar a produción creativa nos novos espazos da comunicación. As persoas que desexen participar no concurso deberán enviar os textos, de ata 200 palabras, ao correo comunicacion@academia.gal do 1 ao 28 de febreiro. 

O primeiro premio consistirá nun Ipad e unha cámara goPro, o segundo, nun Kindle e un disco duro externo e o terceiro (poderá haber ata tres), nun lote de libros, un dominio gratuíto durante un ano e merchandising de PuntoGal, agasallos estes últimos que tamén recibirán os dous mellores relatos. As bases completas poden consultarse nas páxinas web dos organizadores. O xurado fará pública a súa decisión no mes de marzo.

Os relatos gañadores do certame serán publicados na revista Luzes, que colabora na iniciativa. Igualmente, publicará unha escolma dos mellores na súa páxina web, luzes.gal e agasallará ós premiados con suscribcións á súa edición dixital. Os relatos serán igualmente publicados nas páxinas webs das entidades organizadoras, A Real Academia Galega e o dominio PuntoGal.

O director xeral de PuntoGal animou a participar neste certame, que forma parte dunha serie de iniciativas que desenvolverá o dominio durante 2018 coa intención de aumentar o número de rexistros e de “realizar actividades no ámbito da lingua e a tecnoloxía, cousas ambas que forman parte do ADN de PuntoGal”.

Temas: INTERNET
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta