O traslado dun párroco de Galicia á selva de Colombia pode acabar no Vaticano

O arzobispo de Santiago Julián Barrio asegura que xa realizou todos os trámites precisos, incluídas dúas cartas e o preceptivo informe favorable. Os veciños afectados pídenlle o seu “bo facer” para que o cura Leonel Díaz volva ás súas dez parroquias.

Por Galicia Confidencial | Corcoesto | 01/02/2018 | Actualizada ás 21:05

Comparte esta noticia

Feligreses de Cabana e Coristanco iniciaron unha campaña de recollida de sinaturas para presentar no Arzobispado de Santiago e no Vaticano para pedir que Leonel Díaz, o cura de dez parroquias destes dous concellos e enviado contra a súa vontade á selva colombiana, tal e como adiantou GC o pasado sábado, volva novamente a Galicia. Ademais, os veciños decidiron pedir a correspondente solicitude de audiencia á Prefectura da casa pontificia. “En breve está prevista a súa anotación na axenda papal”, apuntan.

O cura Leonel Díaz, nun acto relixioso
O cura Leonel Díaz, nun acto relixioso | Fonte: Petón do Lobo

O pasado martes, o arcebispo de Santiago, Julián Barrio recibiu a unha representación da veciñanza afectada de Corcoesto, que lle pedíu que “remova as trabas eclesiásticas” e facilite os trámites precisos para axilizar o regreso do sacerdote redentorista ás súas parroquias.

Segundo apunta a Asociación Petón do Lobo, monseñor Julián Barrio amosou toda a súa boa dispoñibilidade e colaboración para que o retorno do sacerdote se realice en breve e informou de que pola súa parte xa realizou todos os trámites precisos, incluídas dúas cartas e o preceptivo informe favorable.

O pai Leonel Primitivo Guauque Díaz, que foi nomeado sacerdote de Corcoesto polo propio Arcebispo o 30 de setembro de 2016, foi apartado do cargo sorpresivamente, cando se atopaba ausente de Galicia, mentras desfrutaba dun breve período vacacional autorizado en Colombia, o seu país de orixe.

NOMEAMENTO FORMAL

Se ben o argumento esgrimido pola curia compostelá é que o sacerdote debera tramitar os papeis precisos para solicitar a súa incardinación eclesiástica, “a realidade é que este xa contaba con un nomeamento formal, ao igual que outros eclesiásticos nomeados na mesma data, como o párroco de Sta. María da Peregrina de Santiago de Compostela, o párroco de Baio, no municipio de Zas ou o de Sta. Baia de Curtis, en Teixeiro, entre outros”, apuntan os veciños.

Reunión dos veciños das parroquias de Cabana e Coristanco afectadas polo traslado do cura Leonel Díaz apelan ao Vaticano
Reunión dos veciños das parroquias de Cabana e Coristanco afectadas polo traslado do cura Leonel Díaz apelan ao Vaticano | Fonte: Petón do Lobo

“Mentras que os párrocos nomeados na mesma data que Leonel Díaz Guaque permanecen no exercicio da súa actividade pastoral, sen embargo, o de Corcoesto foi cesado”, engaden. Por iso, esperan unha “pronta resolución eclesiástica” e agardan “o bo facer de monseñor Xulián Barrio” e  apelan “á inmensa misericordia e caridade deste” para acelerar os trámites do regreso do párroco de Colombia. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta