A música de Shostakovich no Paseo

Canso de escoitar tantas novas sobre a corrupción e as falcatruadas dun goberno que xudicializa a vida política, pero no ten cintura para afrontar os problemas pola vía do dialogo; canso de ver ós corruptos con cara de cínicos negando a evidencia, mentindo como cosacos, camiño pola nosa Auria.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 06/02/2018

Comparte esta noticia
E  aburrido de escoitar  verbas que semellan arroutadas e berros  nunha sociedade cada día máis narcotizada, xorda e abnésica; nunha  sociedade que ás veces non distingue o grao da palla,  vou  polo Paseo cara a Alameda. E ó lonxe  chega ate min unha música agradable, que axiña escoito nidiamente. Está moi ben  interpretada e ten   o volume preciso. Non molesta, máis ben todo o contrario: anima. Polo que achégome a escoitar aquil agasallo musical. Soa o valse da suite número dous de Dimitri Shostakovich. E está  interpretado por tres músicos que o fan con suma delicadeza e dozura. Unha muller toca a Balalaika, un señor o acordeón e un mozo  un  baixo que semella da familia do primeiro instrumento. Non sei de onde son, mais  parece que poden ser persoas de paises do leste ou cecais de Rusia.  Sigo escoitando, e sona outro valse, desta vez  Sestraus e despois outras músicas do mundo clásico que enchen de humanidade esta fermosa rúa.
 
E, nese anaco de tempo  no que estou a escoitar, véñenme ó maxín  cantidade de cousas, maiormente ledas e fermosas. E fago a  comparanza desta música con outras que inundan as ondas  e  case atosigan  as nosas vidas. Músicas   atrapadas polo mundo comercial e a  vulgaridade: Músicas   que ignoran que a creación musical  é, por riba de todo, un arte. Sigo escoitando  e matino no modelo de vida que temos e que   na maioría dos seus aspectos, abandonou o concepto da beleza musical para instalarse noutros parámetros baseados exclusivamente e sobor de todo en  chamar a atención e no  poder do decibelio festivo. 
 
Voume cara a Alameda deixando atrás as musicas e os músicos do paseo, e  asáltame o  concepto que temos do  exito e o da calidade musical. Pois entendo que os dous teñen  que ir parellos. Logo penso en cantidade de grupos de dudosa calidade, que viven do éxito e gozan de loas por parte de moita xente, mentres unha música xenial e uns excelentes interpretes tocan na rúa para gañar uns euros. Tocan á intemperie sen máis premio co da vontade dos cidadáns que pasan  e achegan unha moeda á caixa que sempre está nun lugar visible.
Mais, como na nosa sociedade todo camiña de présa,  case ninguen se decata de que esta  vida, ás veces,  é moi inxusta pois premia o vulgar e marxina  e despreza  a calidade.
 
En fin,  collo o bus, e xa dentro, abórdanme de novo as conversas  de sempre; sobre o que acontece a cotío. E escoito falar da crise,  da corrupción, dos soldos e as pensións. Nada novo. Pero como camiñamos e andamos sempre a correr presos do reloxo, non temos nin un minuto para pararnos a ver esas pequenas e fermosas cousas que nos ofrece a vida. Desas pequenas, pero grandes actuacións musicais que son como agasallos de balde que pasan por Ourense. E penso: que triste é vivir da vontade facendo arte na rúa. Pero a vida é así de inxusta.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com