Ou nós ou os amos do universo

Estes días teño utilizado a expresión “os amos do universo”, alcuñada no seu día polo escritor norteamericano Tom Wolfe na súa novela A Fogueira das Vaidades, para referirme aos poderosos que gobernan o mundo. É ben mellor chamarlles así que chamarlles “os mercados”. “Os mercados” é unha expresión abstracta e trampulleira, unha cortina de fume.

Por Guillerme Vázquez | | 19/01/2011

Comparte esta noticia

Falemos claro: detrás dos chamados “mercados” están os sectores sociais de élite que controlan a economía mundial. Sectores sociais de élite que podemos identificar basicamente co capital financeiro, isto é, coa grande banca e cos fundos privados de capital. Eles son os que através de determinadas institucións de carácter supraestatal (o FMI, o Banco Mundial, a Comisión Europea) impoñen as políticas de axuste duro, neoliberal, aos gobernos e aos parlamentos.

Os Amos do Universo van a por todas. No Estado español van a polas caixas de aforro e a polo sistema público de pensións. Unha ofensiva antisocial sen precedentes. E ante iso só hai dúas opcións: ou a resignación ou a loita por transformar as cousas. Desde logo, as compañeiras e os compañeiros do BNG témolo ben claro. Eliximos a opción da loita, de non ficarmos de brazos cruzados. Por iso apoiamos a folga xeral convocada pola CIG para o 27 de Xaneiro. Porque non queremos ser cúmplices dun retroceso histórico nas condicións de vida da imensa maioría social. Xa está ben. Non hai ningunha xustificación para continuar metendo puñaladas nas costas aos sectores máis débiles da nosa sociedade. Non pode ser que a cobiza polo lucro desmedido duns poucos deteriore as condicións de vida da inmensa maioría da xente.

E o que non pode ser de ningún modo é que os Amos do Universo manden sobre os gobernos e sobre os parlamentos. O que está en crise non é só a economía, é a propia Democracia. Iso é o que está en xogo. Por iso o 27 de Xaneiro temos que movernos e proclamarmos que aquí ten que mandar a inmensa maioría -cada día máis empobrecida- e non unha minoría de privilexiados -cada día máis acaudalados.

Eu si que creo que lle podemos dar unha volta a isto. Polo BNG desde logo non vai a quedar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Guillerme Vázquez Licenciado en Medicina e Cirurxía na USC, foi profesor de secundaria. Deputado do BNG no Parlamento de Galicia en 1993 e concelleiro en Pontevedra a partir de 1995. Deputado no Congreso en 1996 até 2003. Despois da derrota do bipartito nas eleccións galegas de 2009, e trala dimisión da executiva en pleno do BNG, logra o cargo de voceiro nacional da fronte pola Alternativa pola Unidade, na que participa a UPG e independentes.