Por Guillerme Vázquez | Santiago | 07/03/2011
É a semana da manifestación do 13-M que convocamos conxuntamente BNG e CIG baixo o lema de Galiza ten Dereito, en defensa do Aforro, o Emprego e o País. Unha mobilización que ten como obxectivo pór en marcha todas as enerxías do noso pobo en defensa de principios básicos para calquer nación: o dereito a dispor do seu propio aforro, o dereito a desenvolver políticas que críen riqueza e postos de traballo dignos, o dereito ao pleno autogoberno.
Estou esperanzado porque sei que non estamos sós. Sei que canda nós está un bloque social de miles de galegas e de galegos que se ten expresado con moita clareza durante estes dous primeiros anos de desgoberno Feijóo. Un bloque social que se ten botado ás rúas para defender a súa lingua frente a un Goberno que no canto de protexela fai todo o que está na súa man para minorizala; un bloque social que tamén ten protagonizado mobilizacións históricas en defensa dos nosos hospitais públicos ou que ten convertido a Galiza, nas dúas folgas xerais, na vangarda das protestas contra as medidas antisociais adoptadas polo Goberno do PSOE.
A VOZ DA RÚA FRENTE AO DESGOBERNO FEIJÓO
A forza deste pobo ninguén a poderá deter. Por moita blindaxe propagandística da que dispoña o desgoberno Feijóo, a voz da rúa vaise acabar abrindo paso. Por dignidade, por xustiza e por necesidade material elemental. Coas políticas que patrocinan PSOE e PP através dos aparatos gubernamentais do Estado e da Xunta, Galiza non ten futuro. É algo que vai alén da crise. Levamos séculos aturando os efeitos negativos das políticas centralistas, de políticas pensadas para realidades distintas da nosa. É hora de apostar claramente por nós propios, polas nosas propias forzas, por unha vía xenuinamente galega.
TRABALLO NAS INSTITUCIÓNS E MOBILIZACIÓN SOCIAL
Levamos ben máis de ano e medio criticando o que hai -basicamente as propostas neoliberais de PP e PSOE- e dicindo a continuación que si hai alternativa, porque a hai. E levamos ben máis de ano e medio dicindo que o BNG concibe a política non só como a práctica do traballo nas institucións, senón tamén como mobilización social. Non pode haber política nacionalista e de esquerdas sen a suma do traballo institucional e a mobilización social. En definitiva, Galiza non ten futuro se o pobo galego, e as maiorías sociais, non participan activamente na vida pública. E aí os formatos son múltiples: indo a manifestacións, acudindo a actos e a asembleas, ensanchando as redes sociais, vertebrando o País por abaixo, falando con compañeir@s e amig@s no traballo ou nos espazos de lecer…
Estamos no momento en que ese bloque social debe ser o protagonista. Estamos no momento en que ti, amábel leitor deste blog, tes que ser o protagonista. Está nas nosas mans. Realmente nós temos o poder porque somos máis. O que temos é que animarnos a exercelo. O que temos é que derrotar a lóxica da inercia e da resignación. O que temos é que pelexar polo Futuro, como fixeron os que nos precederon e os que conquistaron as cousas -o aforro, o emprego, certos dereitos sociais- que agora os neoliberais de toda caste pretenden arrebatarnos. Non llelo permitamos. Galiza ten Dereito. Fagámosllo saber este domingo en Santiago de Compostela. Demostrémoslles do que é capaz o pobo galego.