Unha ofensiva antigalega que hai que parar

A verdade é que veñen por terra, mar e ar. Foron a polos nosos dereitos laborais (abaratando o despedimento) e agora van a polas nosas pensións e a pola caixa galega (ou sexa, polos aforros das galegas e dos galegos).

Por Guillerme Vázquez | | 26/01/2011

Comparte esta noticia

É unha ofensiva antisocial e antigalega sen precedentes e que hai que parar porque, do contrario, o futuro pinta moi negro para Galiza.

Brincadeiras as mínimas cando o que está en xogo é nen máis nen menos que conquistas históricas -a palabra xa o indica: foron conquistadas contra a oposición dos reaccionarios do pasado- que foron permitindo ao pobo mellorar as súas condicións de vida.

Como é posíbel que unha crise que desencadearon os poderes financeiros se salde cunha esmagadora vitoria deses mesmos poderes financeiros e cun retroceso histórico das clases populares, que se poden retrotraer aos níveis de vida dos anos 60 do pasado século?

É posíbel porque non só está en crise a economía. Estao tamén a Democracia, secuestrada polos privatizadores que entregan a mans cheas o patrimonio público aos poderes financeiros: aeroportos, sistema público de pensións, a construción de infraestruturas, a xestión de servizos hospitalarios e agora as caixas.

Hai que resgatar a Democracia. Hai que parar esta ofensiva, que é especialmente encarnizada contra Galiza. Lembremos: temos os salarios e as pensións máis baixas e precisamos moito máis que outros de ferramentas propias de financiamento para engraxar a marcha da economía produtiva (do contrario será imposíbel deixar atrás o estancamento e a caída demográfica).

E hai que facelo da man dos sectores sociais que neste País se moven, desa Galiza da que me sinto orgulloso, desa Galiza que se rebela contra a resignación e que se apresta a liderar a contestación social contra o pensionazo.

Ese bloque social é o que chama á folga o 27 de Xaneiro, contra o pensionazo, contra a política de retallamentos, contra o secuestro da Democracia.

Con ese bloque social estaremos sempre as e os nacionalistas galegos. Porque ese bloque social é o futuro de Galiza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Guillerme Vázquez Licenciado en Medicina e Cirurxía na USC, foi profesor de secundaria. Deputado do BNG no Parlamento de Galicia en 1993 e concelleiro en Pontevedra a partir de 1995. Deputado no Congreso en 1996 até 2003. Despois da derrota do bipartito nas eleccións galegas de 2009, e trala dimisión da executiva en pleno do BNG, logra o cargo de voceiro nacional da fronte pola Alternativa pola Unidade, na que participa a UPG e independentes.