O Parlamento aproba construír un novo centro de Saúde no Saviñao que o PP anunciou en 2010

O Parlamento galego aprobou a proposta defendida pola deputada do BNG, Olalla Rodil, para construír o novo centro de Saúde no Saviñao (Lugo). O acordo contempla que as obras se inicien canto antes e o novo centro sexa unha realidade antes do remate da lexislatura.

Por X.M. Fernández | Lugo | 17/02/2018 | Actualizada ás 13:11

Comparte esta noticia

A parlamentaria agradeceu o apoio á proposición non de lei nacionalista e advertiu que o BNG permanecerá moi atento sobre o cumprimento do acordo por parte do goberno galego. Na defensa da iniciativa, debatida e aprobada o mércores na Comisión de Sanidade, Rodil lembrou que a construción do novo centro de saúde en Escairón foi a “eterna promesa electoral do Partido Popular no Concello do Saviñao” e que o actual, construído nos anos 80, está absolutamente obsoleto.

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Segundo a deputada: “o goberno galego leva anunciando o inicio do proxecto de construción desde 2010 cunha previsión de 40 mil euros que se dividirían en dúas partidas distintas no marco de programas xerais, mais o certo é que non se executou nin un só euro”.

Seis anos despois, no mes de decembro de 2016 o propio presidente da Xunta prometía 250 mil euros para 2017 que tampouco chegaron, recalcou Rodil engadindo que “na actualidade volven de novo prometer que se construirá esta infraestrutura sanitaria mais o único que sabemos é que formalizaron a contratación do proxecto como aparece recollida no DOG de hai un ano”.

Entre tanto, a veciñanza do Saviñao adscrita ao centro de saúde de Escairón padece as consecuencias dunhas instalacións que levan vintedous anos sen ter sido reformadas e con deficiencias que pasan por: incumprir a lexislación en materia de supresión de barreiras arquitectónicas, non conta con  elevador, hai filtracións de auga e humidades e  mobiliario e pavimento obsoletos. A resposta do SERGAS é sempre a mesma, “non acometerá ningunha actuación ante a previsión da construción dun novo centro”.

Tras mostrar a súa satisfacción polo acordo parlamentario, a deputada insistiu no seu cumprimento para iniciar as obras “coa maior celeridade” e rematalas antes da finalización da lexislatura.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta