A Xunta prevé aprobar este ano a estratexia galega de infancia

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela aposta por fomentar o acollemento familiar e as adopcións "especiais" após o peche dalgunhas internacionais. Tamén estuda crear o observatorio galego da familia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2018 | Actualizada ás 14:28

Comparte esta noticia

A Consellería de Política Social prevé aprobar ao longo deste ano a estratexia galega para a infancia e a adolescencia, así como pór en marcha o observatorio da familia, co obxectivo de contar con "máis e mellores" datos en relación á demografía, a infancia e as unidades familiares na comunidade.

José Manuel Rey Varela
José Manuel Rey Varela

Así o dixo o conselleiro, José Manuel Rey Varela, durante a súa intervención este martes, a petición propia, no pleno do Parlamento, para informar as medidas de protección á infancia na comunidade. Na súa intervención, Rey Varela pediu o apoio dos grupos coa intención de aprobar ao longo deste ano a estratexia galega para a infancia e a adolescencia, un documento que funcionará como folla de ruta, con obxectivos e propostas, para mellorar a asistencia e protección de menores en Galicia.

Do mesmo xeito, o conselleiro avanzou a posta en marcha do observatorio da familia, co obxectivo de obter "máis e mellores" datos sobre as familias na comunidade, que, a día de hoxe, "non son suficientes". Finalmente, nesta materia, Política Social activará o "renovado" centro Montealegre de Ourense, para acollida de menores en situación de desamparo.

MÁIS DE 1.000 EXPEDIENTES

Nun repaso pola actividade da consellería, Rey Varela indicou que a Xunta recibe cada ano máis de 1.000 expedientes por posible desprotección infantil, os máis habituais por "problemática sociofamiliar".

Como consecuencia deses expedientes, Galicia tutela baixo o sistema de protección da Xunta a 2.472 nenos, máis de 1.000 en centros residenciais e o resto baixo o coidado de familia propia ou allea.

En particular, Rey Varela destacou a aposta da Xunta polo acollemento familiar. Do total de nenos acollidos baixo tutela na Comunidade, o 56% estano en familias, unha cifra que a Xunta confía en "seguir incrementando". En canto ao acollemento residencial, a Administración galega conta con catro centros xestionados con medios propios e outros 69 concertados, que suman 1.170 prazas.

Destinados aos menores en situación de desamparo, Rey Varela falou dos programas de apoio que leva a cabo a Xunta, encamiñados en boa parte a reducir as causas que levaron a esta desprotección.

Así, os programas de integración familiar, que "desgraciadamente non paran de crecer", atenderon o pasado ano a 191 familias, coa intención de evitar a separación familiar; mentres que o programa de avaliación e tratamento terapéutico de menores en risco de desamparo con condutas "severas" asistiu a 225 casos.

Os programas de inserción social e acollemento en áreas de lecer e tempo libre beneficiaron en 2017 a 250 menores, dixo o conselleiro, que adiantou que o programa 'Convive', iniciado na provincia da Coruña en 2017 e que proporciona ao menor unha "contorna diferente ao propio para desenvolver vivencias", estenderase este ano á provincia de Pontevedra.

O programa de inserción sociolaboral para mozas en situación de desamparo entre 16 e 21 anos realizou o pasado ano 173 actividades formativas, das que resultaron 14 mozos contratados dentro dos talleres dos centros e realizáronse 28 prácticas en empresas.

MEDIDAS NON PRIVATIVAS DE LIBERDADE

A través dos centros de intervención educativa no medio aberto, a Xunta colabora coa asistencia a menores que foron condenados a medidas non privativas de liberdade no ámbito xudicial. O catro activos por provincia executaron 715 medidas no medio aberto en 2017, que afectaron a 521 menores.

Dentro do catálogo de medidas, contémplanse prestacións en beneficio da comunidade, que ascenderon a 50 o ano pasado, con actuacións como apoio a discapacitados, persoas maiores ou dependentes; colaboración con profesionais e voluntarios na repartición de alimentos; ou a limpeza espazos públicos.

ADOPCIÓNS

Rey Varela fixo referencia aos procesos de adopción, en particular ás internacionais, após o peche o pasado ano dalgunhas destas vías en determinados países. Fronte ao peche dos procesos de adopción nalgúns países, Rey Varela apostou por fomentar os programas de acollemento e as adopcións especiais. No ano 2017 realizáronse, confirmou o conselleiro, 43 adopcións nacionais e 52 internacionais en Galicia.

Finalmente, o conselleiro destacou a implicación da Xunta nos programas de visibilización dos abusos sexuais a menores ou co rexistro unificado de malos tratos infantís, que dá acceso xa a máis de 2.000 profesionais pero que se expón a súa "extensión".

PLANIFICACIÓN INTEGRAL E POBREZA

A necesidade de realizar unha planificación integral deste tipo de políticas e a influencia da pobreza e as situacións de dificultade económica nos menores foron os puntos nos que máis insistiu a oposición na súa réplica ao conselleiro.

A  deputada do BNG Olalla Rodil reclamou ao conselleiro unha "planificación integral" en materia de infancia, con "pautas unificadas" que impliquen a todos os axentes. Entre outras cuestións, cualificou de "urxente" que se reforme "a normativa actual" dos puntos de encontro familiar, que se incremente o seu número para "achegalos ás familias" e que se implementen "mecanismos de control" sobre a súa actividade.

Rodil tamén mencionou os casos de abusos e malos tratos a nenos, para o que pediu maior implicación e reclamou que se estenda o rexistro unificado de malso tratos infantís máis alá dos actuais usuarios. "Necesitamos mellorar e ampliar este sistema" dixo Rodil.

Pola súa banda, a deputada socialista Noela Blanco sacou a colación a pobreza en Galicia e a súa influencia na infancia, de forma particular a pobreza enerxética. "Deixe de repetir que hoxe Galicia é un país para os nenos e as familias, porque esa non é a realidade deste país", dixo Blanco, que cualificou Política Social como a "consellería de maquillaxe social".

Para a deputada socialista, en materia de acollemento familiar, Galicia "non ten nada que presumir", á vez que criticou atraso en axudas como as da 'Tarxeta Benvida', que serven para paliar situacións de pobreza e reclamou tamén que se incrementen os puntos de encontro.

A relación entre pobreza, exclusión social e infancia tamén foi mencionada pola deputada de En Marea Paula Vázquez, que apuntou que a "carencia de emprego" na familia é "o principal risco de exclusión social infantil", á vez que inflúe tamén en "o desamparo" de menores.

Sobre a actuación da Xunta, a deputada de En Marea apostou por "aumentar e reforzar" a educación social, o seguimento detallado de casos de desamparo e abusos e a humanización dos espazos administrativos relacionados coa infancia, como os puntos de encontro familiares.

A deputada popular Marta Rodríguez Arias defendeu a actuación da Xunta en materia de infancia, indicando que "Galicia conta con máis e mellores recursos para menores en risco ou situación de exclusión social". Do mesmo xeito, instou a "acender o foco" sobre un tema tan relevante como a violencia sexual, que sofren un de cada cinco nenos na Unión Europea.

Para Rodríguez Arias, a "prevención" é o punto "prioritario", aínda que tamén hai que ter en conta o apoio á familia e á contorna do menor cando se detecta un caso, así como a educación familiar e a mediación de conflitos

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta