As exportacións galegas crecen un 8,2% en 2017 e marcan un novo récord histórico

Manufacturas de consumo, automóbiles, bens de equipo, alimentación e produtos enerxéticos, os sectores con maior importancia

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2018 | Actualizada ás 15:43 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

As exportacións galegas creceron un 8,2% en 2017 e alcanzaron os 21.676 millóns de euros, marcando un novo récord histórico por segundo ano consecutivo, segundo destaca a Xunta, a partir dos datos publicados este martes pola dirección territorial de Comercio e ICEX en Galicia e polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Exportacións
Exportacións | Fonte: Europa Press

O IGE recolle que a taxa anual das exportacións en decembro foi do 13,1%, mentres que no conxunto estatal situouse no 6%. A exportación de combustibles e aceites minerais foi a que tivo unha maior repercusión positiva na variación anual.

Pola súa banda, as importacións aumentaron un 8,9% con respecto a decembro de 2016, debido fundamentalmente ao incremento tamén nas de combustibles e aceites minerais. En España, as importacións repuntaron un 3,6%.

En 2017, a taxa acumulada das exportacións galegas é do 8,2%, mentres que a das importacións, do 10%.

EXPORTACIÓNS

En decembro, en Galicia, as exportacións incrementáronse un 13,1% respecto ao mesmo mes de 2016. Os produtos con maior influencia positiva foron combustibles e aceites minerais (6,3 puntos), seguidos polos vehículos automóbiles; tractores (4,6 puntos) e pezas de vestir e de punto (1,8 puntos). Destacaron tamén aparellos e material eléctrico (0,9 puntos).

Pola contra, os produtos con maior repercusión negativa foron os produtos químicos inorgánicos (-0,4 puntos) e peixes, crustáceos, moluscos, madeira e as súas manufacturas e mobles, cadeiras, lámpadas (-0,3 puntos).

En 2017, as vendas ao exterior de combustibles e aceites minerais e pezas de vestir (tanto as de punto como as outras) foron as que influíron máis no comportamento das exportacións (case 6 puntos), destacando tamén os barcos e embarcacións.

As influencias máis negativas corresponderon basicamente ás exportacións de vehículos automóbiles e tractores (-2,1 puntos).

IMPORTACIÓNS

Os produtos que alcanzaron unha maior repercusión positiva en decembro foron os combustibles e aceites minerais, que, cun peso do 19,7% sobre o total, repercutiron en 6,1 puntos, e os vehículos automóbiles e tractores, que achegaron 4,9 puntos, cun peso do 25,5%.

Pola contra, os produtos que máis negativamente influíron foron as pezas de vestir, non de punto, que cun peso do 3,4% sobre o total, repercutiron en -3,4 puntos, e os peixes; crustáceos e moluscos, que, cun peso de 11,7%, restaron 2,7 puntos á taxa total.

No transcurso deste ano 2017, o incremento nas importacións (10,0%) veu explicado, sobre todo, polo incremento nas compras ao exterior de combustibles e aceites minerais, que repercutiron en 5,9 puntos na taxa de variación total e representaron o 15,1%das importacións.

Subiron tamén, xa en menor medida, as importacións de vehículosautomóbiles e tractores, peixes, crustáceos e moluscos e conservas de carne ou peixe. A maior repercusión negativa foi a das pezas de vestir, non de punto (-1,7 puntos).

POR ZONAS

En decembro, as expedicións dirixidas á UE-28 (78% do total) presentaron unha taxa de variación interanual do 22,3%. Entre os países cos que o peso das exportacións é significativo, só mostran taxas negativas Bélxica e Irlanda. As taxas máis positivas danse en Países Baixos, Polonia, Reino Unido, Romanía, Francia, Grecia, Portugal, e Italia.

No caso das importacións da UE-28, que neste mes de decembro representaron un 56,6%, produciuse un incremento do 18,5%, debido ao incremento das de Alemaña (32,9%), Bélxica (95,3%), Francia (15,4%), Italia (111,1%) e Reino Unido (63,5%). Eslovaquia e Romanía presentan tamén taxas positivas aínda que menos significativas, xa que a súa porcentaxe rolda o 1%.

Con respecto ao resto de países, o informe do IGE destaca o incremento cara a Estados Unidos, Marrocos, OCDE e Mercosur e a caída das dirixidas a Asia. Nas importacións, con todo, sobresaíu o comportamento con Asia, OCDE, OPEP e Mercosur.

No total deste ano 2017, o máis destacable dos intercambios comerciais coa Unión Europea é o comportamento tanto das exportacións, que presentan unha variación do 7,9%, como das importacións (4,7%). Con terceiros países chama a atención o comportamento tanto das exportacións como das importacións con Marrocos e América Latina.

POR COMUNIDADES

O peso de Galicia no conxunto de España, en decembro de 2017, ascendeu ao 8,1% no total de exportacións e ao 5,7% nas importacións, e presentou unhas taxas de variación anual do 13,1% e do 8,9%, respectivamente.

O incremento das exportacións en España no mes de decembro de 2017 (6%) veu explicado pola evolución positiva de Cataluña, Aragón, Andalucía e Galicia, que achegaron en conxunto 5,4 puntos positivos á taxa de variación.

En canto ás importacións, o incremento do 3,6% no conxunto do estado estivo sostido por crecementos en Cataluña, Aragón, Andalucía, País Vasco e Galicia, con 4,7 puntos de achega.

En 2017, as exportacións en España presentaron unha taxa de variación do 8,9%. Todas as comunidades autónomas rexistraron taxas de crecemento positivas excepto Castela e León, Navarra e Cantabria.

Galicia, neste ano 2017, mostrou unha taxa de variación do 8,2%,cun peso 7,8% sobre o total das exportacións. No caso das importacións españolas rexistrouse un incremento do 10,5%. Todas ascomunidades mostraron tamén taxas de crecemento positivas excepto Navarra.

A comunidade galega presentou unha variación acumulada do 10%, cun peso do 5,7% sobre o total das importacións.

EVOLUCIÓN

Na análise temporal en ciclo-tendencia do comercio exterior de Galicia, Estatística observa unha recuperación das taxas de variación interanuais das exportacións desde o segundo trimestre de 2012 até o verán de 2013. Desde finais de 2014, a tendencia é positiva para volver caer a principios de 2017 e manterse estable nos últimos meses.

No perfil das importacións, apunta a unha tendencia ascendente durante o ano 2016 que se volve descendente na primeira metade deste ano 2017 e actualmente está estable.

ICEX

Segundo os datos do ICEX, o superávit comercial de Galicia en decembro foi de 419,8 millóns, cunha taxa de cobertura do 130,7%; o que a sitúa como a comunidade cun dato maior.

Os sectores con maior importancia foron: manufacturas de consumo (30,29%, destacando o sector téxtil-confección), automóbiles (17,19); bens de equipo (13,75%, sobre todo material de transporte por estrada), alimentación (12,42%, en especial produtos pesqueiros) e produtos enerxéticos (11,68%, subsector de petróleo e derivados).

En conxunto, este catro achegaron máis do 85% das exportacións galegas. Ademais, o ICEX destaca o "extraordinario dinamismo" experimentado no mes de decembro polas exportacións de produtos refinados e derivados do petróleo, que creceron un 74,2% respecto de decembro de 2016.

Por provincias, destacou especialmente o peso da Coruña, cuxas exportacións representaron o 52,37% das de toda a comunidade, manténdose como a quinta máis exportadora de España. Mentres que Pontevedra, a oitava, supuxo o 42,03%, Ourense o 2,9% e Lugo o 2,7%.

VALORACIÓN

Pola súa banda, a Xunta, a través dun comunicado, reivindica o "crecente compromiso das pemes coa mellora da súa competitividade" como "unha das claves" que explican estes datos.

Sinalouno o director do Igape, Juan Cividanes, quen visitou esta xornada en Lalín as instalacións da empresa Aliusporta.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta