En perigo de extinción dúas especies de libélula protexidas e presentes en Galicia

Unha tese da Universidade de Vigo alerta dun “maior risco de extinción” para a 'Macromia splendens' e a 'Oxygastra cursitii' pola perda dos seus espazos naturais e da súa “capacidade de dispersión”.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 05/03/2018 | Actualizada ás 16:23

Comparte esta noticia

Macromia splendens e Oxygastra cursitii son dúas especies de libélulas protexidas pola directiva europea Hábitats que se atopan en perigo de extinción. A perda dos seus espazos naturais, no actual contexto de cambio climático, está a ser un factor fundamental para a progresiva redución da poboación destas libélulas, segundo o investigador Genaro da Silva, que vén de defender súa tese de doutoramento sobre estes animais na Universidade de Vigo.

Femia de libélula 'Oxygastra curtisii
Femia de libélula 'Oxygastra curtisii | Fonte: Genaro da Silva.

O biólogo e enxeñeiro forestal puido constatar “leves diferenzas xenéticas” que amosan un certo illamento das diferentes subpoboacións, motivadas pola menor “capacidade de dispersión”, de intercambio de individuos con outra subpoboacións, destas dúas especies propias de zonas de río, o que, sinala, implica un “maior risco de extinción”.

Dirixida polo profesor da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero, a tese 'Conservación e manexo de odonatos ameazados. Ecoloxía, xenética poboacional e dispersión' parte do feito de que “os traballos de conservación da biodiversidade precisan de coñecementos moi diversos, particularmente en grupos con ciclos complexos”, como aquel no que se engloban as libélulas, que teñen unha fase larvaria acuática e outra adulta voadora.

De aí que “os requirimentos de hábitat para cada unha destas etapas condicionan a supervivencia das poboacións”, polo que o grao de conservación dos seus hábitats naturais será un factor determinante na súa supervivencia, pero tamén a “conectividade” entre subpoboacións, a capacidade, nun contexto de fragmentación, de evitar ese illamento, que pode levar, por outra banda, que unha poboación que ficou illada comece “por deriva xenética a separarse das outras poboacións”, explica o investigador nunha información de Eduardo Muñiz no diario da UVigo,

A investigación de da Silva Méndez abrangueu o estudo dos hábitats destas dúas especies, xunto ao doutras dúas, Gomphus simillimus e Onychogomphus uncatus.

Exemplar de libélula 'Macromia splendens'
Exemplar de libélula 'Macromia splendens' | Fonte: Genaro da Silva.

Como explica o investigador, tanto a Macromia splendens como a Oxygastra curtissi viven en “tramos de ríos lentos e anchos, cun bo bosque de ribeira”. A primeira, explica, é unha especie endémica da Península Ibérica e de Francia, catalogada como vulnerable pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN), que é “máis propia de áreas mediterráneas”, pero que se pode atopar tamén nos ríos do sur de Galicia. Tamén no sur do país se pode atopar a Oxygastra curtisii, unha especie só presente no suroeste de Europa e en Marrocos, catalogada como “case ameazada” pola IUCN e considerada “rara porque os seus parentes máis próximos están en América do Sur ou no Sueste Asiático”.

Ambas, explica da Silva, son propias de ríos, o que inflúe negativamente na súa “capacidade de migración”, que vén determinada tamén polo tipo de hábitat, como puido constatar no seu estudo, no que demostra como as libélulas propias de zonas de charcas teñen unha “vantaxe adaptativa” fronte as que, engade, “evolucionaron en hábitats máis estables, nos que unha mellor capacidade de dispersión non implicaría un maior éxito reprodutivo".

Os estudos xenéticos realizados destas dúas especies permiten coñecer a “estruturación das súas poboacións”, marcada por un “certo grao de diferenciación”, maior no caso da Macromia splendens, “aínda que non demasiado elevado”. Como da Silva puido observar, existen diferenzas xenéticas nesta especie entre as poboacións do noroeste peninsular, as do sur e as de Cataluña, mentres que no caso da Oxygastra “hai unha separación entre as poboacións peninsulares e as francesas e italiana”.

Así mesmo, a tese tamén propón melloras na metodoloxía de traballo de campo para o estudo destas especies, por exemplo, no xeito de realizar a recollida de exuvias, o exeoesqueleto da larva que fica nas marxes das masas de auga despois de que mude en adulta, así como novos marcadores xenéticos a empregar no estudo de estruturas poboacionais.

Por outra banda, os datos obtidos das tres especies protexidas serviron tamén ao grupo de investigación EcoEvo, que coordina Cordero, no informe elaborado para a Xunta de Galicia co propósito de que sirva como base para a redacción do plan de conservación destes insectos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Hartito

Igual que la lengua gallega y al igual que la misma a los gallegos les importa porta una mier da que desaoarezca