Caballero chama a mobilizarse para que a Morgan Library de Nova York devolva o Pergamiño Vindel a Vigo

O goberno vigués aproba en solitario pedir a adquisición do documento coas cantigas de Martín Códax logo da exposición na cidade e o seu regreso a Estados Unidos. PP e Marea ven a iniciativa como unha "rabecha" do alcalde, que acusa a oposición de estar "supeditada aos seus responsables políticos".

Por E.P. | VIGO | 07/03/2018 | Actualizada ás 14:41

Comparte esta noticia

O goberno municipal de Vigo quedouse este mércores só na aprobación dunha iniciativa para instar ao Ministerio de Cultura e á Xunta de Galicia a emprender contactos coa Morgan Library de Nova York para a adquisición do Pergamiño Vindel, e criticou a ausencia de PP, que non acudiu ao pleno extraordinario, e de Marea, que abandonou a sesión logo de manifestar o seu desacordo coa convocatoria.

Pleno extraordinario en Vigo sobre o Pergamiño Vindel
Pleno extraordinario en Vigo sobre o Pergamiño Vindel | Fonte: Europa Press

O portavoz do goberno local, o socialista Carlos López Font, explicou os motivos da presentación desta iniciativa e xustificou a celebración dun pleno extraordinario, poucos días despois da clausura da exposición do Pergamiño: "Quixemos ser respectuosos co desenvolvemento da mostra e non interferir, agora é o momento de iniciar o procedemento para que o Pergamiño retorne á cidade".

López Font, quen subliñou que o Concello colaborou "en todo o que se lle pediu" co gaio da presenza do Vindel en Vigo, lembrou que a proposta do goberno local é que o Goberno de España estableza un "diálogo amigable" coa Morgan Library, coa colaboración da Xunta e a oferta de cooperación tamén do Concello vigués.

Por outra banda, volveu criticar que non se permitise falar ao alcalde no acto de clausura da exposición (no que si interviñeron o presidente da Xunta e o reitor), a pesar de que os discursos de Caballero "adoitan ser, en calidade, mellores que os de Núñez Feijóo".

Na mesma liña, o propio alcalde, Abel Caballero, apelou á "mobilización colectiva pacífica" para lograr que o Vindel volva "á súa casa", e augurou que será un proceso longo, pero que terá éxito.

Pergamiño Vindel
Pergamiño Vindel

"Eu esperaba que isto o expuxese Feijóo cando clausurou a mostra, pero ten a cabeza noutros sitios. Eu non o fixen antes porque non quería distraer a atención da exposición", sinalou o rexedor, quen proclamou que o goberno municipal quere "marchar xunto a Goberno e Xunta" no camiño da recuperación do documento, aínda que "poida que non sexa con esta Xunta".

CRÍTICAS Á OPOSICIÓN

Tanto o alcalde como o seu portavoz criticaron duramente a ausencia dos grupos de PP e Marea do pleno. Así, López Font acusouno de manter unha posición "antidemocrática" e de actuar "ás ordes" dos seus respectivos "xefes de Santiago".

Caballero tamén criticou que estes grupos antepuxesen "intereses de partido" aos intereses da cidade. "Aquí estamos os que queremos estar, non os que tantas veces fallan a Vigo, e volven fallarlle hoxe", sentenciou, e engadiu: "Non podemos contar con PP e Marea para nada, a cidade sábeo, porque están supeditados aos seus responsables políticos".

MAREA E PP

Na sesión plenaria deste mércores, o portavoz de Marea, Rubén Pérez, interveu, antes de abandonar o pleno, para expresar a "sorpresa" do seu grupo ante a convocatoria dun pleno extraordinario urxente sobre o Pergamiño Vindel, e atribuíu esta iniciativa a unha "rabieta" do alcalde por non ser convidado a intervir nos discursos de clausura da exposición. Así mesmo, salientou que o Concello estivo "ausente" na programación cultural e actos organizados con motivo da presenza en Vigo desa peza histórica.

Pola súa banda, o concelleiro do PP Diego Gago reprochou a Caballero que, durante os cinco meses da exposición, "non saíu da súa boca a frase 'Pergamiño Vindel' e vén agora con esta rabecha". "Nós non imos formar parte desta pantomima", sentenciou, e lembrou que o goberno tivo a oportunidade de presentar esta iniciativa no anterior pleno, no que non fixo uso de todas as mocións ás que ten dereito segundo o regulamento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 17 comentarios

7 Anti spamña

É como si Nova York reclamase o orixinal de "Poeta en Nueva York" por que sae o nome da cidade,

6 Xoán Manuel.

Lamentable, por ser tíbio, a reacción do munícipe vigués, impropio de tal cargo, que pasou de largo pola Exposición do Pergamiño. Nen se dignou en facilitar ningunha instalación municipal para a súa exposición. Agora debe estar feliz do seu retorno alén do atlántico, malia que disimule o contrario.

5 Retrinco

Caballero debería mirar o que fan en Santiago. Martiño vai recuperar, vía xudicial, obras do Mestre Mateo para a cidade e para Galicia.

1 TiFlipas

"Las acciones reales sobre bienes muebles prescriben a los seis años de perdida la posesión, salvo que el poseedor haya ganado por menos término el dominio, conforme al artículo 1.955, y excepto los casos de extravío y venta pública, y los de hurto o robo, en que se estará a lo dispuesto en el párrafo 3.º del mismo artículo citado." Art. 1962 del Código Civil. Ni hubo extravío, ni venta pública, ni menos robo o hurto.

2 unmais

Para ti flipas, é que en este caso houbo roubo, ou apropiación indebida, como queiras chamarlle, ou se non como lle chamas ti a quedarse con algo que non é teu, e que ninguen cho deu, teñan algún documento que demostre a cesion ou regalo?, porque o concello si ten documentos de compra dos bens

3 TiFlipas

Deixa de disparatar con roubo ou apropiación indebida. A cousa puido suceder así: pasou por alí Dª Carmen e dixo, que as estatuas eran moi bonitas. Algún lambecús faltaríalle tempo para indicar a quen corresponda: estas dúas pedras, levádelas mañán a Meirás. A Sra. escribiría unha carta a quen lle mandou as pezas ou o chamaría para agradecer o xesto, e non hai mais. Non coñezo a ningún particular a quen lle fan regalos e que para aceptalos esixa un documento de cesión, máxime tratándose dun ben moble.

4 unmais

O Nick que tes vaiche que nin pintado, un regalo faise cando o que regalas e da tua propiedade, pero neste caso a propietario era o concello, por tanto ten que haber un acordó plenario onde se fale do tema e se aprove a proposta, ou non?, porque non era do presunto lambecus que ti nomeas, ou si?

4 urco

"Mobilización colectiva pacífica". O Abel está a um passo de que o Tribunal de Orden Público , quero dizer, a "Audiencia Nacional" o guindem ao caldeiro. XDDD

1 unmais

E una tontería do Caballero, pero se fose previamente declarado ben de interese cultural, e por tanto patrimonio non poderia ser sacado ao extranxeiro, e por tanto os donos continuarían a selo, xa que o compraron legalmente, pero tiñan que telo aquí

3 Anti..

Un pailan de Vigo demandando o retorno do pergamino Vindel a Gsliza en castelán, a lingua de caín.