Centro de Lourizán, 75 anos ao servizo dos recursos forestais de Galicia

Os responsables destas instalacións científicas, que dependen da Consellería do Medio Rural, están a programar diferentes actos conmemorativos cos que se pretende facer unha homenaxe a todo o persoal que pasou polo centro e aos seus directores.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 09/03/2018 | Actualizada ás 12:41

Comparte esta noticia

O Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, que depende da Consellería do Medio Rural, celebrará este ano o 75 aniversario da súa fundación. Con tal motivo, está a programar diferentes actos conmemorativos que se celebrarán no vindeiro mes de xuño e cos que se pretende facer unha homenaxe a todo o persoal que pasou polo centro e, de maneira especial, aos directores que estiveron á fronte del nalgún momento da súa historia.

Centro de Investigación Forestal de Lourizán
Centro de Investigación Forestal de Lourizán | Fonte: Xunta.

Este centro naceu a través da Orde de 25 de febreiro de 1943 pola que se creaba en Pontevedra un “Centro Regional de Enseñanza de Investigaciones y Experiencias Forestales”, publicada no BOE do 15 de marzo de 1943. O obxectivo era completar a ensinanza levada a cabo pola Escola Especial de Enxeñeiros de Montes e estender a acción do Instituto Forestal de Investigaciones e Experiencias na zona noroeste de España, que xa daquela se consideraba como especialmente apropiada para o estudo e desenvolvemento das especies forestais. Isto, dicíase, “polas súas condicións de humidade e temperatura”.

Na devandita orde establecíase que o centro tería por obxecto “o fomento das ensinanzas forestais e a realización sobre as especies de crecemento rápido de toda sorte de experiencias e investigacións, comprendidas desde a creación de masas ata o seu aproveitamento e industrialización”.

O centro de Lourizán quedou integrado no Instituto Nacional de Investigación Agraria (INIA) no ano 1973 e en 1984 foi transferido á Xunta de Galicia.

As súas instalacións sitúanse nunha finca de 52 hectáreas localizada na vertente norte da Península do Morrazo, nunha bocarribeira aberta á ría de Pontevedra, fronte á Illa de Tambo e da vila de Combarro. Esta propiedade, que actualmente é propiedade da Deputación de Pontevedra, pertenceu inicialmente a Eugenio Montero Ríos quen, entre finais do século XIX e principios do XX, construíu un pazo, un invernadoiro e xardíns cunha importante influencia modernista.

A finca ten tamén elementos arquitectónicos de épocas anteriores, como un hórreo de 1798 e una fonte de 1804. En anos posteriores fóronse construíndo novas edificacións para laboratorios, invernadoiros, e fixéronse tamén plantacións de especies forestais ligados todos ó seu uso actual como centro de investigación.

O CIF de Lourizán estrutúrase actualmente en tres departamentos (protección forestal, ecosistemas forestais e silvicultura e mellora) e nel traballan arredor de 45 persoas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta