Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2018 | Actualizada ás 18:45
A fiscal especializada en violencia de xénero Pilar Fernández denunciou a "precariedade" coa que se traballa en Galicia nesta materia, xa que "a desculpa" da crise supuxo "recortar medios" nos xulgados mentres continuou aumentando o número de denuncias por violencia machista.
Nunha entrevista concedida á Cadena Ser, Fernández incidiu na necesidade de que esta petición "non siga caendo en saco roto". "Eu convidaría os responsables da xestión da Xustiza na Xunta que veñan un día a ver como traballamos e que vexan se é posible se un compañeiro nos pode substituír no traballo que facemos no día a día", apuntou.
Ademais, a fiscal tamén explicou que na actualidade vítimas e agresores aínda "teñen que compartir o mesmo espazo" porque os medios "chegan a contagotas" e non se dispón dos "sitios adecuados" para tomar declaración ás mulleres e menores, a pesar de que llos "prometeron".
Así, Fernández instou aos responsables da situación a que "se poñan as pilas" e "fagan o seu traballo efectivo" logo de escoitar a súa protesta.
ACTUAR DESPOIS DO 8-M
Fernández expresou ademais o seu desexo de que, logo da mobilización feminista do pasado xoves, o Goberno "actúe" para dar "un impulso efectivo" e que se deixe de "teorizar" para aplicar "medidas". Tamén pediu que "se corrixa" e "se cambie a mentalidade", o "relax", xa que de momento a Administración central só tomou parte "de boca para fóra".
Neste sentido, engadiu que, a pesar de que é certo que no ano 2017, coa Lei de Igualdade, e no 2004, coa Lei Integral, se deu un "impulso", parecía "perdido", polo que as mulleres "saíron á rúa para dicir que isto non se pode relaxar" e que "hai que seguir traballando niso".
FOLGA NA XUSTIZA
Polo que respecta á folga da Xxustiza en Galicia, a fiscal asegurou que se "solidariza" cos funcionarios mobilizados para "esixir un aumento de soldo", á vez que advirte das consecuencias que pode ter este parón nos xulgados.
Por iso, instou á Xunta e aos sindicatos a "solucionar as súas diferenzas", porque é unha folga "moi importante" para a Xustiza, polo que hai que "facer todo o posible" para pór ao día os asuntos e "sentar a resolvelos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.