Suspendidas as declaracións no xulgado da alcaldesa de Lugo e do ex-alcalde López Orozco pola folga

Lara Méndez reduce a causa a "un problema administrativo" e o exalcalde considera que ambos sairán "absoltos". A alcaldesa de Lugo e o ex rexedor coinciden en apoiar ao funcionariado da xustiza en folga.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2018 | Actualizada ás 13:45

Comparte esta noticia

As declaracións previstas para este mércores pola mañá da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o seu antecesor, Xosé López Orozco, ante a titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo, Pilar de Lara Cifuentes, en calidade de investigados por suposta malversación foron suspendidas sen data pola folga na Administración da Xustiza.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez

O arranque da investigación céntrase nunha querela presentada polo sindicato CSI-CSIF en relación co suposto atraso dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anulaba a comisión de servizo dunha funcionaria municipal para o posto de letrada de asesora do Concello de Lugo.

O prazo de execución da sentenza do alto tribunal, que anulaba esa comisión de servizo, concluía no mes de maio de 2016, pero a traballadora foi cesada no mes de xullo, dous meses despois.

PROBLEMA ADMINISTRATIVO

A alcaldesa Lara Méndez lamentou que esta causa se siga pola vía penal, e considerou, antes de entrar nos xulgados, que "en todo caso, onde debería de acabar é no contencioso administrativo, como un problema administrativo que é". Non entanto, subliñou, após a anulación da toma de declaración, que "se isto serve para visualizar as limitacións dos funcionarios de Xustiza, pois benvido sexa".

Tamén se mostrou que estaba "tranquila". "Se hai que esperar uns días ou uns meses máis, despois de que se presentou a querela hai dous anos, non hai problema ningún", abundou. Á saída dos xulgados, o exalcalde Xosé López Orozco coincidiu nos mesmos argumentos. "Se isto serve para visualizar a folga dos funcionarios benvido sexa", sostivo.

Con todo, ironizou con que "agora" (pola nova toma de declaración), non saben "nin cando, nin onde, nin absolutamente nada", dado que non se fixou nova data para estes interrogatorios, aos que tamén estaba chamada a traballadora.

A VERDADE

"Aquí vimos declarar a verdade, é a terceira vez que veño pola denuncia dun policía (local) e dun sindicato (CSI-CSIF), as outras dúas veces saín absolto e espero que desta vez como vimos declarar a verdade, e a verdade está nos papeis tamén sairei absolto e estou seguro que a alcaldesa exactamente igual", manifestou Orozco.

Preguntado sobre se non estaba "cansado" de tanto "acoso xudicial", permanece investigado na 'Pokémon' e na causa sobre as torres do Garañon pola mesma xuíza, apelou ao sarcasmo para sentenciar: "Vostedes cren que eu me podo cansar, en absoluto, nunca".

"Toda canta carreira fun facendo toda carreira saíu como tiña que saír e como vai saír o que me falta, chegarei á meta incólume porque nunca fixen absolutamente nada e iso sábese moi ben, pero hai que esperar", proclamou Orozco.

Xa tamén fóra dos xulgados, a alcaldesa, acompañada do seu antecesor, comentou que a suspensión "se serve para visibilizar as reivindicacións de xustiza por parte dos funcionarios benvida sexa". "Saímos coa mesma tranquilidade con que entramos e seguimos esperando, á espera de que nos comuniquen unha nova data para facer as declaracións e nada máis", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta