As irregularidades nas contratacións do arquivo de Vedra chegan ao Parlamento

En Marea pide que se investigue a contratación dunha técnica que cobrou 7.500 euros por un traballo de catalogación que durou un mes.

Por Galicia Confidencial | Vedra | 29/03/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

7.581 euros. Iso foi o que cobrou Celia A.M. pola organización dos fondos documentais do arquivo municipal de Vedra (A Coruña). Un traballo que realizou nun mes e cinco días e que estaba previsto, inicialmente, en tres meses e medio. Unha cantidade "excesiva" para a oposición que denuncia irregularedades na adxudicación dun contrato negociado sen publicidade tal e como xa publicou GC.

Precisamente, este contrato chegou ao Parlamento. Nunha iniciativa impulsada por En Marea, e apoiada por BNG e PSdeG, todos os grupos da oposición reclamaron que este contrato fora levado ao Tribunal de Contas e á Fiscalía, pero o PPdeG votou en contra.

Así, na Proposición non de Lei instaba á Xunta a controlar por parte da Secretaría Xeral de Cultura o importe e destino deste tipo de subvencións para detectar "anomalías", como aconteceu no caso de Vedra, xa que "levaba incorporada unha proposta nominativa".

Interior da biblioteca de Vedra
Interior da biblioteca de Vedra | Fonte: anpacpivedra.blogspot.com

CONTROL DE SUBVENCIÓNS

Tamén apostaba por revisar o expediente completo da subvención concedida ao Concello de Vedra, para verificar que documento se achegou e adecuar a subvención da cantidade á carga de traballo. "Neste caso, a axuda que recibiu foi a máxima, 5000 €. Se hai variacións, debe haber minoración", recolle a iniciativa. Ademais, os grupos da oposición instaban a comprobar se o órgano instrutor avaliou a execución das actuacións subvencionadas e requirir, se non o fixo, a xustificación acreditativa.

Por outra banda, solicitaban aos beneficiarios a copia do traballo desenvolvidom, incorporar os datos na páxina web do Portal de Arquivos de Galicia, avaliar as consecuencias que pode ter a alteración do obxecto por parte do Concello e investigar as irregularidades detectadas.

Finalmente, a iniciativa solicitaba abrir no seu caso un procedemento de revisión de oficio das actuacións irregulares e poñer os feitos en coñecemento da Fiscalía e do Consello de Contas.

PROCESO

Foi a comezos do 2016 cando o concelleiro de Cultura de Vedra, Enrique Vázquez Martínez (PPdeG), solicitou unha subvención á Consellería de Cultura para a organización do arquivo municipal. E no proxecto para a realización dese traballo xa figuraba a persoa, con nomes e apelidos, que sería contratada para o mesmo seis meses despois. Unha persoa que a oposición di que está relacionada co voceiro do PPdeG no municipio e que non é arquiveira ou bibliotecaria profesional, senón historiadora.

O Concello de Vedra recibiu esa subvención. En total 7.581 euros, dos que o propio municipio asumiría o 33%, para realizar un proxecto que o concelleiro Enrique Vázquez calculou que se realizaría en tres meses e medio -- a razón de 560 horas de traballo total--. O traballo consistiría na "migración dos datos do software da versión 2.0 á 3.0 de 5.958 rexistros e actualización do inventario de 145 unidades de instalación", que levaría unha semana; na "catalogación do fondo emigración", que serían dous meses; na "catalogación do Libro de Emigrantes", que levaría unha semana e na "catalogación de 100 anos de actas do pleno", se se realizaría nun mes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Goi

Esa señora ocupou cargo de designación política na consellería de cultura no goberno PSOE-BNG da Xunta, precisamente relacionado con bibliotecaa