A Xunta de Galicia, obrigada a comparecer diante do Comité medioambiental da ONU

A Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia estaría obrigada a explicar diante do Comité de Cumprimento do Convenio Aarhus da ONU, os impedimentos que pon no acceso á información ambiental.

Por Moncho Mariño | Santiago | 30/03/2018 | Actualizada ás 13:07

Comparte esta noticia

O Comité de Cumprimento do Convenio Aarhus empraza á Xunta de Galicia, en concreto á dirección Xeral de Enxeñería e Minas, dirixida por Bernardo Tahoces, dependente da consellería de Industria dirixida por Francisco Conde, a explicar por que os órganos autonómicos non permiten o acceso á información ambiental de iniciativas industriais e mineiras. Ou tal como denuncian desde o colectivo Petón do Lobo: “poñen trabas ao acceso dos informes sobre planos de restauración e do estado hidrolóxico”.

Sede da UNECE en Xenebra, Suíza
Sede da UNECE en Xenebra, Suíza

Diante desta falta de transparencia, diversos colectivos de defensa da natureza como Asociación Petón do Lobo e a asociación Ouriol do Anllóns, coa colaboración doutras entidades da Rede Contraminacción, presentaron unha reclamación ao Comité Aarhus. Todo isto despois de que a Comisión de Transparencia da Valedora do Pobo, lles estimara mesmo a lexitimidade das reclamacións. Como exemplos de incumprimento en materia de transparencia medioambiental estaría a falta de acceso a documentos ambientais das minas de Lousame e Santa Comba. Esta resolución do Comité Aarhus aboca á Xunta a render contas ante a UNECE, a Comisión Económica das Nacións Unidas para Europa.

INOPERATIVIDADE DAS LEIS

A admisión a trámite da reclamación conxunta foi defendida a semana pasada en Xenebra polo profesor Warren Gary Lavey. Todo isto segundo as asociacións demandantes “demostra a inoperatividade das leis de transparencia tanto estatal como galega, que só serven á Xunta de instrumento para poñer trabas no acceso á información ambienta, e realizar un uso espúreo da normativa vixente”.

Outro exemplo que apuntan as asociacións medioambientais é o acceso á información dos parques eólicos declarados de interese. “No momento que fomos pedir a lectura dos informes, a Xunta díxonos que tería que falar primeiro con Fenosa” dixo Ismael López de Petón do Lobo. Para López isto demostraría que os intereses particulares das empresas están por riba do interese público e da súa seguridade ambiental. Con isto incumpre o  artigo 14 da Lei 19/2013, de 9 de decembro, de Transparencia, Acceso á Información pública e Bo Goberno.

Tras a admisión a trámite da reclamación conxunta de afectados e afectadas, iníciase unha fase procedimiental na que o organismo internacional pedirá explicacións a España sobre da súa actuación en materia de transparencia e información ambiental.

O CONVENIO AARHUS

O Convenio sobre acceso á información, participación do público na toma de decisións e acceso á xustiza en materia de medio ambiente, coñecido como Convenio de Aarhus, é un tratado internacional que regula os dereitos de participación cidadá en relación co medio ambiente. O tratado foi elaborado no marco da UNECE. O Convenio foi asinado o 25 de xuño de 1998 na cidade danesa de Aarhus e entrou en vigor o 31 de outubro de 2001.

España ratificou o Convenio o 15 de decembro de 2004 e dous anos despois, en 2006, aprobou a Lei 27/2006, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente, que aplica en España as disposicións do Convenio. O Convenio de Aarhus estrutúrase ao redor de tres dereitos cidadáns: o acceso á información en materia de medio ambiente, a participación do público na toma de decisións e o acceso á xustiza en materia de medio ambiente. O Convenio de Aarhus recolle un mecanismo de control do cumprimento, xa que permite aos cidadáns denunciar incumplimentos do tratado, cando no Dereito internacional normalmente só os Estados teñen esa capacidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 anonimo

Agardo que esta denuncia teña algún resultado visible na forma en que os dirixentes do Partido Popular negocian co territorio en Galicia e no resto do Estado, no seu capitalismo de amiguiños...

1 anon

Preguntaranse quén é a ONU, se non son esquerdistas-populistas-perrofrautas-... Coas accións dos "bos xestores" non se xoga, nin se xuzga. A pena que nas próximas elecións o PP volverá ser votado pola maioría. Tanto porque a esquerda non é capaz de chegar a esa maioría así como a xente quere seguir votándoos, non sei porqué.