Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/03/2018 | Actualizada ás 18:07
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mostrouse "asombrada" polo uso "partidista" que, segundo di, fai o Goberno autonómico do diñeiro público. "Non chega nin un euro para os concellos gobernados por PSOE, BNG ou En Marea", denunciou Silva.
Nunha entrevista concedida este venres á Cadena Ser, Carmela Silva criticou a repartición de fondos "clientelar" que "subvenciona" os municipios onde goberna o PP. "Eles non entenden que gobernan para todos os galegos", manifestou.
Así, a presidenta da Deputación de Pontevedra acusa o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, e ao vicepresidente, Alfonso Rueda, de "falta de lealdade" co organismo provincial, algo que, para Silva, é o seu "modo habitual" de gobernar.
MUNICIPAIS DE 2019
Carmela Silva coa vista posta nos comicios municipais de 2019, admitiu estar "convencida" de que o PSdeG poderá manter o goberno da Deputación. Neste sentido, Silva dixo "saber" que lle espera un ano "de confrontación total" cos demais partidos. "Pero estou afeita enfrontarme a este tipo de situacións, a esa política de destrución do PP", engadiu.
"Sinto moito dicirlle ao señor Feijóo que abandone toda esperanza de recuperar a Deputación de Pontevedra porque o PP non volverá gobernar en moito tempo", expresou, para logo insistir no "desgaste moi importante" dos populares tanto en España como en Galicia, onde o presidente e o seu Executivo, ao seu modo de ver, "demostran unha gran incapacidade para responder os retos do século XXI".
Así, Silva recoñeceu que as municipais serán "determinantes" para a dirección do PSdeG, que estará "á altura". Ademais, destacou que "a nivel local, os alcaldes socialistas están moi consolidados na provincia de Pontevedra", onde, segundo asegurou, "volverán gobernar".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.