Será a Ribeira Sacra un nova “porta aberta” a empresas extractivas, siderúrxicas ou enerxéticas?

Así o denuncian entidades de defensa do patrimonio e colectivos locais tras rematar o expediente de alegacións da declaración desta zona como BIC. Fóra de protección quedaría un edificio do século VI-VII, a testemuña máis antiga do monacato na Ribeira Sacra.

Por Galicia Confidencial | Chantada | 03/04/2018 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

A Ribeira é coñecida como Ribeira Sacra porque nas terras que rodean ese tramo dos ríos Miño e Sil se ergueron ducias de eremitorios, mosteiros, igrexas parroquiais que lle deron ese carácter Sacro. Unha concentración de arte medieval que non ten o suficiente recoñemento na candidatura e que priva á candidatura dunha das súas maiores fortalezas. Así o denuncia a entidade patrimonial O Sorriso de Daniel que cre que o novo BIC será “unha porta aberta para as empresas extrativas, siderúrxicas, enerxéticas e mil muros de contención para os viticultores”. 

Ribeira Sacra, entre Ourense e Lugo
Ribeira Sacra, entre Ourense e Lugo

“Unha paisaxe cultural éo se se recoñece nela a pegada da xente sobre o territorio. Sen o que significaron ese centros espiritutais pero tamén económicos non se entendería a Ribeira Sacra”, apunta esta entidade no recurso presentado ante o expediente incoado pola Xunta e que, curiosamente, asina quen foi presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Dieter Moure, un gran especialista e amante da arte románica.  

Foi, curiosamente, no medio e medio da Semana Santa, cando remataba o prazo para achegar alegacións á incoación do expediente BIC da Ribeira Sacra. Un primeiro paso para solicitar ante a Unesco a declaración da mesma como Patrimonio da Humanidade na modalidade de paisaxe cultural.

Tamén coincide nas críticas a formación Por Chantada, Participación Democrática Directa (CUP),  que denuncia que, a pesar da declaración BIC desta paisaxe cultural, iso non afectará para que se acepten nesta zonas novas industrias mineiras, construcións hidroeléctricas ou eólicas.

O PAPEL DE FENOSA

Ademais, a CUP denuncia que o expediente do Goberno galego obvie que os encoros supuxeron “a expulsión de millerios de indíxenas no nome do progreso e en condicións de extorsión, por non dicir roubo, por un Estado fascista, o da didatura de Francisco Franco”. Tampouco que se exclúa a historia de combate contra o fascismo destas terras xa que o último guerrilleiro, José Castro Veiga, foi asasinado en Chantada nos anos sesenta. 

Vista da Ribeira Sacra
Vista da Ribeira Sacra

“Difícil entender, que de todo o patrimonio que podería catalogarse como BIC se escolla e se apresente deste xeito o ligado a FENOSA e ás páxinas máis negras, corruptas e sanguentas da nosa historia”, engade no seu escrito de alegacións.

50 MONUMENTOS ROMÁNICOS EXCLUÍDOS

O Sorriso de Daniel tamén denuncia que o expediente non tivo en conta, e polo tanto deixou sen protección, 50 edificios románicos da zona. Entre os edificios excluídos está o Eremitorio de O Cotillón, na aldea de San Román de Acedre, en Pantón. Esta capela escavada nun penedo, nas rochas dunha ladeira próxima ao Cabe e que foi aproveitada como adega polo dono da casa anexa, actualmente en venda. Conta cunha planta de cruz latina e nave de 10 metros e brazos laterais de 5 metros. As persoas especialistas datan a construción do século VI ou VII e constituiría a testemuña máis antiga do monacato na Ribeira Sacra.

Tamén quedan fora outras construcións como o mosteiro e a igrexa de San Salvador de Asma, en Chantada, conxunto dun particular tamén se atopan en venda, sen que de momento se poida protexer debidamente segundo o contido no artigo 14 na Lei 5/2016, do patrimonio cultural da Galiza.

Ademais,  O Sorrio de Daniel di que o BIC é un “mapa trazado a man alzada escapando dos núcleos de poboamento para non comprometerse coa súa rexeneración” e que hai “cero compromisos” coa conservación e protección do patrimonio.

Pola súa banda, a CUP tamén critica que durante o proceso de alegacións nin de consultas deste expediente non se tivo para nada en conta ás entidades locais. “A exclusión dos indíxenas neste expediente é propria de calquera modelo gobernativo colonial e non dunha institución, a Xunta da Galiza, que di ser goberno galego e non simplemente goberno español na Galiza”, destaca.

AMPLIACIÓN DE ALEGACIÓNS

Foi tanta a incerteza que este expediente causou entre entidades, empresas e veciños da zona que o PSdeG xa propuxo a necesidade de ampliar “polo menos, dous meses máis” o período de alegacións previo á declaración da Ribeira Sacra como Ben de Interese Cultural (BIC) chegará ao Parlamento galego da man do deputado socialista José Antonio Quiroga, quen xa rexistrou iniciativas parlamentarias neste senso.

 

O PSdeG asume, deste xeito, a petición de “moitos colectivos e veciños” da zona, que demandan “coñecer os detalles e implicacións” que terá a declaración BIC –paso necesario para presentar a candidatura a Patrimonio da Humanidade– nas súas casas ou nos seus viñedos. “Se a repercusión da posible inclusión da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade é importante para a zona, non menos importante é o feito de que a poboación local estea a favor e sexa un axente dinamizador positivo”, recalcou o deputado socialista, convencido da relevancia do “consenso” en torno a esta figura.

Miradoiro da Ribeira Sacra. Foto: Organización 17º Festival RS.
Miradoiro da Ribeira Sacra. Foto: Organización 17º Festival RS.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta