O Foro Económico de Galicia ve o futuro do turismo rural en complementalo con experiencias

Avisa dunha caída da oferta e sitúa a ocupación no 20%, cousa que considera así pola "falta de profesionalización" e de sinerxías.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/04/2018 | Actualizada ás 15:09

Comparte esta noticia

O Foro Económico de Galicia (FEG) ve o futuro do turismo rural en complementar a oferta.  Sumaríase así aloxamento con experiencia turística que inclúa outros servizos e produtos centrados en gastronomía, enoloxía ou patrimonio e a valorización da zona onde se sitúan os establecementos.

Presentación dun informe do Foro Económico de Galicia de turismo rural. 2018.
Presentación dun informe do Foro Económico de Galicia de turismo rural. 2018. | Fonte: Europa Press

O FEG avoga por non limitarse a un destes produtos, senón ofrecer distintas experiencias ao longo do ano  que permitan a desestacionalización. Así o comunicaron este xoves os coordinadores do informe, Miguel Rodríguez e Elisa Alén. Os dous indicaron que o turismo rural "pode xogar o papel" de diversificación económica no rural, diminuír o impacto demográfico e ofrecer valores culturais.

Segundo os coordinadores, a oferta de turismo rural en Galicia "creceu de forma continuada nas últimas décadas, aínda que é certo que dende 2010-2012 caeu algo a oferta". Simultaneamente, manifestaron que non hai "grandes cocientes de ocupación", que se sitúa en torno ao 20 por cento, aínda que si que hai "un forte avance de turistas estranxeiros", que en 2016 representaron o 25 por cento.

Sobre isto, sinalaron en termos xerais, á "falta de profesionalización", onde "en moitos casos" hai que falar "de propietarios máis que de profesionais ofertando servizos turísticos"; así como á localización da oferta, que "non está ligada a itinerarios temáticos, o que fai que a complementariedade sexa dificultosa".

Como consecuencia, moitos dos usuarios ven o turismo rural "só como aloxamento", sen servizos complementarios que enriquezan a súa experiencia. "Por tanto, todas esas potencialidades do turismo rural, pérdense por esa falta de sinerxías económicas e de cultura e tradicións; e iso pode explicar o grao de ocupación reducido", remarcou Miguel Rodríguez.

Miguel Rodríguez manifestou que hai dous tipos de oferta turística no rural: Por unha banda, a que se centra en competir en prezo, que augurou que terá "dificultades, porque vai competir" con outro tipo de hospedaxes que poden ofrecer aloxamento "máis barato"; e por outro, a que busca proporcionar servizos complementarios máis aló do aloxamento".

O Foro Económico de Galicia avoga por un cambio do paradigma de só aloxamento e de competir en prezo, para pasar a ofrecer experiencias turísticas. Para este obxectivo, considerou "importante a cooperación horizontal entre distintas empresas", a formación profesional, o traballo en rede e a especialización por tipo de actividades ou por localización.

CLASIFICACIÓN DO TURISMO RURAL

Outra das propostas deste informe, o Foro Económico de Galicia expón a creación dunha marca propia para os establecementos que presentan elementos diferenciadores e cumpran un mínimo de calidade. Así mesmo, incidiu na "necesidade de revisar o sistema de clasificacións", que actualmente se fundamenta en valores estéticos e históricos do inmoble. Propoñen no seu lugar que a clasificación se base "no que busca o cliente", como os equipamentos dispoñibles e os servizos que se prestan.

O representante da adega Casal de Arman e socio do Foro, José González, coincidiu en que a actual clasificación "non reflicte de cara ao cliente o establecemento ó que vai ir", ante o que chamou a implantar un sistema similar ó de estrelas dos hoteis para clasificar os establecementos de turismo rural de acordo cos seus servizos e a súa calidade.

Finalmente, González, que tamén considerou a especialización e a cooperación "apostas primordiais no turismo rural de Galicia", recoñeceu que, "aínda que se ten moito que mellorar, no seu momento, sobre todo con subvencións, recuperouse moito patrimonio" con "edificacións dedicadas a turismo rural que doutra forma houbéranse perdido".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta