O PSdeG de Lugo apoia ao presidente da Deputación e admite que foi duro expulsar a Martínez

No expediente disciplinario aberto a Manuel Martínez, ex vicepresidente da Deputación de Lugo, insístese na "súa indisciplina reiterada" e "manifestacións públicas con críticas explícitas ou implícitas".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/04/2018 | Actualizada ás 12:30

Comparte esta noticia

O secretario provincial do PSdeG de Lugo, Álvaro Santos, asegurou que é unha decisión "dura" a de expulsar do grupo provincial e do partido ao alcalde de Becerreá e xa exvicepresidente da Deputación lucense, Manuel Martínez. Santos  persistiu en trasladar publicamente unha mensaxe de respaldo ao presidente do ente provincial, Darío Campos.

o socialista Manuel Martínez
o socialista Manuel Martínez

"Non foi a desexada, pero era unha decisión que había que tomar", afirmou Álvaro Santos sobre os desencontros reiterados de Manuel Martínez cos seus compañeiros de partido. Martínez en varias ocasións saltou a disciplina de voto e favoreceu ao PP. "Foi unha decisión respectuosa e rigorosa co que recollen os nosos estatutos", afirma o dirixente socialista.

No expediente disciplinario aberto a Manuel Martínez arguméntase a súa "indisciplina reiterada" respecto do decidido polos socialistas na Deputación Provincial e as "manifestacións públicas reiteradas que conteñen críticas explícitas e/ou implícitas" ás decisións do ente provincial ou de compañeiros de partido.

Nos acordos adoptados sobre Martínez este mércores na executiva provincial do PSdeG de Lugo cualifícase de "moi graves" os feitos que protagoniza. Enumeráronse as normas internas infrinxidas e ínstase á Executiva Federal do PSOE a que proceda á expulsión provisional das filas socialistas.

O primeiro punto dos acordos fai mención ao comportamento "inadmisible" de Martínez e fai un recoñecemento aos membros do Grupo Provincial Socialista e de forma singular a Darío Campos. Nesta mesma liña, este xoves Álvaro Santos insiste en trasladar o respaldo "incondicional" da organización ao presidente da Deputación.

COMITÉ PROVINCIAL

Ás 20,30 deste xoves foi convocado o comité provincial, que integran máis de 160 delegados e outros 40 membros natos, para dar conta da decisión da executiva. Tamén foi convidado o propio Martínez para que ofreza explicacións sobre o seu comportamento, así como o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e o secretario de Organización, José Antonio Quiroga. "Trasladarase o respaldo ao Grupo Provincial Socialista e ao presidente da Deputación polo gran traballo que está a facer por esta provincia", volveu recalcar Álvaro Santos.

O pasado martes Manuel Martínez volveu votar co PP para devolver as competencias sobre a xestión das residencias da terceira idade a Suplusa, ente que el mesmo preside. En 2015, após as anteriores eleccións municipais, propiciara que a Presidencia da Deputación de Lugo pasase a mans do PP, ata que meses despois facilitou unha moción de censura que apoiaron PSOE e BNG e que devolveu aos socialistas o bastón de mando provincial.

Manuel Martínez foi destituído como vicepresidente da Deputación de Lugo, o que tamén inclúe as súas responsabilidades en Vías e Obras e parque móbil provincial e tamén sae da comisión de goberno. A corporación provincial queda agora con 12 deputados do PP, 10 do PSdeG, dous do BNG e Manuel Martínez, cuxo voto será decisivo nos plenos.

Horas antes de que se formalizase o inicio dos trámites para a súa expulsión, este militante socialista durante case 40 anos xa asumía que ía ser expulsado das filas socialistas e avanzaba mesmo que nesta ocasión, a diferenza de fai tres anos, nin sequera recorrerá o expediente. Así mesmo, chegou a confirmar que se volverá a presentar á Alcaldía de Becerreá a través dunha lista independente á que está por ver se se suman outras figuras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta