Temas: FRASEOLOXíA

“Non aguantar albardas” ou “non levar dous a cabalo”, expresións equivalentes da castelá "no sufrir ancas"

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 23/04/2018 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

En castelán, daquelas persoas que non aguantas chanzas ou bromas pesadas nin tampouco aldraxes, e que polo tanto reaccionan fronte a elas para evitalas, dise que no sufren ancas.

Loita entre cabalos na rapa das bestas de Sabucedo
Loita entre cabalos na rapa das bestas de Sabucedo | Fonte: Óscar Dacosta

Lembremos, a este respecto, que esa voz anca forma parte tamén do elenco léxico galego e designa, tal e como se recolle no Dicionario da Real Academia Galega, “cada unha das dúas metades laterais da parte posterior do lombo de certos animais, especialmente dunha cabalaría”.

A referida expresión procede, en orixe, do mundo das cabalerías (isto é, dos équidos que os humanos utilizamos fundamentalmente como montura ou como animais de tiro, tales coma cabalos e burros), onde se empregaba aplicada a aqueles animais que non se deixan montar nesa parte da súa anatomía, nas ancas. A partir de aí, e mediante un proceso no cal operou a analoxía, prodúcese unha ampliación de usos e contextos que provoca que a expresión pase a se aplicar a esa clase de persoas que mencionamos máis arriba, isto é, a que non atura abusos, nin ofensas nin chacotas pesadas. 

Asentado isto, podemos arrequentar o que acabamos de dicir comentando que polo que atangue ó significado primixenio (ou sexa, o que se aplica ás cabalerías), xa Juan Sobreira Salgado recolle no noso idioma, a finais do século XVIII, a expresión non sufrir nas ancas

«Non sufrir nas ancas. Fras. Ribadavia. Se dice de la bestia que no consiente en ellas.».

Xa que logo, en principio poderiamos concluír que a locución verbal non sufrir nas ancas daría conta en galego da acepción de “non consentir [unha cabalería] ser montada nas ancas”. Mais, ¿que acontece coa acepción de “non aturar [unha persoa] chanzas, chacotas ou bromas pesadas, nin tampouco ofensas ou aldraxes”? Pois vexamos a seguir algunhas expresións galegas que fornecen precisamente este significado:

No sufrir ancas

{= Non aturar chanzas, chacotas ou bromas pesadas, nin tampouco aldraxes.}

Non aguantar albardas (de ninguén)

Non lle aguantar a albarda a ninguén

Non levar dous a cabalo

Ex.: Es un muchacho bueno y de gran corazón, pero no tonto, que no sufre ancas de nadie.

É un mozo bo e de gran corazón, pero non parvo, que non aguanta albardas (de ninguén) que non lle aguanta a albarda a ninguén que non leva dous a cabalo.

● Tamén:

No sufrir # aguantar pulgas

Non se deixar montar && Non se deixar pisar && Non se deixar asoar && Non se deixar ferrar (sen aceal) && [MESMO TAMÉN, EN CONTEXTOS]: Non se deixar asoballar && Non se deixar abafallar

Ex.: Es un muchacho bueno y de gran corazón, pero no tonto, que no aguanta pulgas de nadie.

É un mozo bo e de gran corazón, pero non parvo, que non se deixa montar que non se deixa asoar que non se deixa ferrar (sen aceal).

● Tamén, nalgún ca noutro contexto, inda que dando a entender máis ben que a persoa que a quen se lle aplica é moi temperamental e de moito carácter, mesmo podendo chegar a ser agresiva:

Ser calzado dos catro pés

Ex.: Procura no buscarle las cosquillas, que este es de los que no sufre ancas.

Procura non lle tentares o xenio, que este éche calzado dos catro pés.

NOTAS:

1. Lembremos que o aceal é un aparello con que se prende polo fociño unha cabalería ou outro tipo de animais, coma cochos ou bois, co fin de inmobilizalos para sometelos a certo tipo de procesos ós que poden opor resistencia, coma a ferraxe.

2. Recordemos, así mesmo, que abafallar o podemos definir como “tratar a alguén sen respecto nin consideración, ferindo a súa dignidade e facendo que se sinta de menos ou humillado”, de tal xeito que abrangue –xunto con outras formas que poden resultar máis ou menos axeitadas en función dos contextos, coma menosprezar, desprezar, desdeñar, facer de menos, ter a menos, desairar ou mesmo ignorar– espectros de uso dos que ultimamente, e cada vez en maior medida, se está a aseñorar o castelanismo *ningunear).

3. As paremias galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.

- Requeixo Cuba, Armando: “Sobre fraseoloxía galega: algunhas mostras da área mindoniense”. Cadernos de Lingua, 9, 1994, páxs. 89-110. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Rodríguez González, Eladio: Apéndice ó Diccionario enciclopédico gallego-castellano de Eladio Rodríguez González, publicado en 1961. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Sobreira Salgado, Juan: Material lexicográfico elaborado por Juan Sobreira Salgado entre 1787 e 1805. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta