Políticos de BNG, En Marea e Compromiso denuncian "aberracións ambientais" na vella mina de Touro

A plataforma veciñal organizou esta inspección 'in situ', para denunciar que "a recuperación non existe" e hai "verteduras incontroladas".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 19/04/2018 | Actualizada ás 20:09

Comparte esta noticia

Políticos de BNG, En Marea e Compromiso por Galicia visitaron este xoves os terreos da vella mina de Touro e O Pino (A Coruña). Logo da visita, o deputado Xosé Luís Rivas 'Mini', do BNG, denunciou as "aberracións ambientais" que viron.

Imaxe do río Brandelos remitida polo BNG após a súa visita á mina de Touro
Imaxe do río Brandelos remitida polo BNG após a súa visita á mina de Touro | Fonte: Europa Press

Da man da plataforma veciñal, que organizou esta inspección 'in situ', tamén estiveron o parlamentario de En Marea Marcos Cal, o membro de Compromiso Suso Ares e un concelleiro do Bloque de Touro. Durante a visita, 'Mini' lamentou que a situación "tira para atrás", ao observar "lixiviados que baixan directamente ao regato Brandelos, que verte directamente no río Ulla, en zona de Rede Natura".

Bordeando un dos vertedoiros da vella mina, lamentou que "leva contaminación", aínda que non puido concretar de que, pero "non só resto de mineral da mina, senón todo tipo de porcallada, de lodos e o que faga falta". Así, trátase dunha paraxe "que hoxe é unha paisaxe lunar".

Pola súa banda, Adrián Riádigos, da plataforma, criticou "a cantidade de verteduras incontroladas" que hai nos terreos da antiga mina, e denunciou que "a recuperación non existe".

CADUCIDADE

En paralelo, o BNG informou de que acaba de rexistrar no Parlamento unha iniciativa para reclamar da Xunta "non só que rexeite a petición de reapertura e ampliación da explotación, senón que, pola contra, inicie o expediente de extinción da actual concesión e explotación como paso previo á declaración de caducidade".

O Bloque alega "o incumprimento reiterado das condicións da concesión e os graves perigos ambientais que representa o seu actual estado para a protección das augas da conca do Ulla e dos acuíferos subterráneos".

TECNOSOLES

Por outra banda, a asociación Aldea Viva presentou un escrito dirixido á Consellería de Medio Ambiente para que requira documentación ás empresas que actualmente operan na vella mina de Touro-O Pino, que se autodenominan como centro de valorización ambiental.

En concreto, Aldea Viva refírese a Ten (Tratamentos Ecolóxicos do Noroeste), que produce tecnosoles para recuperación de terreos e fertilizantes a partir de lodos das depuradoras e outros residuos orgánicos como achas de madeira.

"Desde residuos de Ence, a colectores de chapapote do Prestige, residuos urbanos e vertedoiro municipal, ou até o intento de enterramento de reses mortas durante a crise das vacas tolas, os terreos da antiga mina de Touro parecen dar cabida a todo aquilo que noutro sitio non interesa", censura este colectivo.

A asociación reclama documentación "que acredite, a través dos seus libros e rexistros, os residuos que depositan na zona". "A administración ambiental galega, competente en materia de vixilancia e control, debería inspeccionar a zona de vertedura dos residuos e comprobar se se están cumprindo as obrigacións dos xestores relativas ao almacenamento, mestura e envasado dos mesmos", conclúe.

VISITA A BRUXELAS

O secretario xeral de Compromiso por Galicia (CxG), Juan Carlos Piñeiro, en declaracións a Galicia Confidencial, anunciou que a súa formación formará parte, xunto con membros da Plataforma de Veciños, dunha comisión que viaxará a Bruxelas os días 15 e 16 de maio. A intención é expor diante da Comisión Europea tanto o estado actual da zona, como se realmente sería viable un proxecto  megamineiro como o pensaso para Touro-O Pino.

Ademais, o parlamentario de En Marea Marcos Cal, denunciou que "faltan garantías medioambientais para toda a zona" e tamén engadiu que "os proxectos megamineiros non son rendibles". Sobre este punto, Cal sinalou que os "postos de traballo que se creen serán moi poucos" en relación cos que se poderían perder en agricultura, pesca e outras áreas, no caso de abrir a mina.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta