VIGO | 25/04/2018 | Actualizada ás 21:15 por EUROPA PRESS
O alcalde de Redondela (Pontevedra), Javier Bas, expresou este mércores a súa satisfacción despois de coñecer o auto do xulgado do contencioso administrativo número 1 de Vigo que obriga ao goberno de Abel Caballero a eliminar a esixencia de estar empadroado na cidade para solicitar o cartón PassVigo, que bonifica as viaxes no bus urbano.
En declaracións a Europa Press, Bas afirmou que se alegra "enormemente" de que o maxistrado aceptase esta medida cautelar solicitada por Redondela, contra unha esixencia "inxusta" que afecta por centos de veciños deste municipio, especificamente da parroquia de Chapela.
Segundo apreciou o rexedor redondelano, "o xuíz foi tallante" e, por algunhas cuestións que sinala no seu auto, hai posibilidades de que os tribunais dean a razón a Redondela tamén na cuestión de fondo do contencioso, aínda que Bas evitou especular.
En todo caso, lembrou que o seu municipio "tentou o diálogo por todas as vías" e que obtivo "a calada por resposta" por parte de Caballero. "A súa prepotencia veulle de volta", engadiu, á vez que agradeceu a confianza que os veciños depositaron nel para que defendese os seus intereses, neste caso, ante os tribunais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.