A 50 anos de maio

O mes de maio de 1968 foi un mes longo. Tan longo que comezando en xaneiro rematou xa entrado outubro. O maio de 1968 comezou en Praga un 5 de xaneiro, comezou tamén en xaneiro en Santiago de Compostela, maio de 1968 continuou no propio maio nas rúas de París e a finais de xullo nas aulas da Universidade Nacional Autónoma de México. Maio rematou o 20 de agosto acalado polo estrondo das orrugas dos tanques soviéticos en Praga, maio rematou a noite do 2 de outubro co chan da Praza das Tres Culturas tinxida coa sangue de inocentes. Todo elo non polos días do calendario, senón polo pouso que deixou na nosa sociedade, aconteceu nun longo maio fai agora 50 anos.

Por Emilio Martinez | Lugo | 03/05/2018

Comparte esta noticia
O movemento compostelán estudantil de 1968 foi o espertar político dunha xeración de estudantes universitarios que poucos anos despois xogarían papeis destacados nos partidos políticos da Transición, case sempre da banda esquerda aínda que non exclusivamente, e nalgúns casos chegarían a posto de relevancia institucional. Falamos de dirixentes de organizacións hoxe desaparecidas, Partido do Traballo, Bandera Roja, Partido Socialista dos Traballadores, que co paso dos anos acabarían militando no PSOE: Vicente Álvarez Areces, que foi alcalde de Xixón e presidente do Principado de Asturias; Emilio Pérez Touriño, expresidente da Xunta de Galicia; Tuco Cerviño ou Alberto Martín de Hijas, concelleiro do PSOE en Vigo nos anos 80. Tiveron tamén unha participación activa persoas como Anxo Guerreiro, dirixente do PCG e de Esquerda Unida ou Alfredo Suarez Canal, conselleiro do Medio Rural durante o goberno de coalición entre o PSOE e BNG de 2005 a 2009. E no movemento estudantil participaba tamén, como subdelegado da Facultade de Ciencias, Enrique López Veiga, conselleiro de Pesca entre 1990 e 1993 baixo as ordenes de Manuel Fraga e actual presidente da Autoridade Portuaria de Vigo.
 
O movemento estudantil foi daquela unha escola de democracia e de participación cidadán, unha escola para dirixentes políticos, unha escola de responsabilidade. E continuouno sendo co pasar do tempo, durante a Transición e despois da Transición.
 
Formei parte dos Comités Abertos de Facultade dende o meu ingreso na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Corría o ano 1983 e acabábase de aprobar a Lei de Reforma Universitaria que viría a cambiar a universidade galega e española. Fun claustral no Claustro Constituínte formado en 1984, e recunquei varias veces; fun membro da Xunta de Facultade... Nos CAF coñecín a tanta xente que sería imposible enumerala a toda. Algúns seguen a ser os amigos e amigas cos que comparto as cousas da vida.  A outros, a vida, dunha forma ou outra, foinos separando. Moitos deles ocuparon, ocupan, e sen dúbida ocuparan, cargos importantes na nosa sociedade: alcaldes, concelleiros ou concelleiras, deputados, catedráticos, profesoras universitarias, empresarias... Cando falo con eles, con elas, cando unha ou outra cousa nos xunta, ás veces recordamos as noites redactando programas electorais, preparando debates, os días nos que organizabamos xornadas, conferencias, aquelas reunións para redactar emendas, as discusións con decanos, con vicerreitores, as asembleas, os grupos de traballo... as campañas electorais, as intervencións nas clases, as manifestacións... Sempre algún saca a colación aquela vez na que redactando un programa quedamos un pouco empantanados e non sabiamos si poñer “paso adiante” ou poñer “salto cualitativo”, e eu, sen que se deran conta pusen “paso adiante/salto cualitativo” e así queda no programa do que imprimimos 1.000 copias. Ou a vez na que me esquecín na casa a táboa de puntos reivindicativos que tíñamos que presentar nunha asemblea e na que estiveramos traballando ata case o amencer... Daquela, mediados dos 80 non había nin ordenadores, nin móbiles, nin internet. Sei que uns anos despois, polo que me conta a miña compañeira, que foi parte dos CAF e logo de MEU, Movemento Estudantil Universitario, as cousas eran mais ou menos semellantes, con mais ordenadores, iso si!.
 
Fai uns días a Universidade de Santiago de Compostela celebrou eleccións a reitor e a Claustro Universitario. Das eleccións a reitor non vou comentar nada, os resultados son coñecidos e deles o que mais chama a atención é a contundencia da vitoria de Antonio López. Pero das eleccións celebradas o que a min me chamou mais a atención foi outra cousa. O que me chamou extraordinariamente a atención é a apatía xeralizada por parte dos estudantes. É verdade que nin sequera nos anos 80 e principios dos 90 o grado de participación era moi alto: en Económicas, unha facultade polarizada entre os CAF e AFEE (Asociación da Facultade de Económicas e Empresariais), na que as campañas electorais era verdadeiras batallas democráticas nas que se investían tempo, esforzos, creatividade.. nunca superarmos unha participación do 35%, pero daquela era case impensable que os postos a cubrir no Claustro polos estudantes quedaran vacantes, nin sequera en parcialmente. Daquela era impensable que nun centro non houbera cando menos dúas candidaturas en liza.
O pasado 23 de abril, na Universidade de Santiago de Compostela das 23 circunscricións electorais, escolas e facultades, nas que os estudantes escollían representantes para o Claustro Universitario houbo eleccións so en 8 centros. En centros como Bioloxía, Ciencias da Comunicación, Medicina, Psicoloxía ou Farmacia, ata un total de 11, o número de candidatos e candidatas era inferior ao número de postos que lle correspondían. En catro centros, entre eles a Facultade de Veterinaria e a Facultade de Relacións Laborais, non houbo nin sequera un candidato ou candidata. Nin sequera un!!.
 
Seguramente os que mais saben destes temas poderán dar moitas razóns que expliquen este nivel de apatía: dende a  percepción, entre os alumnos e alumnas, da escasa importancia do Claustro ou as Xunta de Facultade ata a inexistencia de organizacións estudantís que merezan ese nome ou a presión enorme por exames e traballos a presentar que limitan calquera actividade que non sexa a súa preparación.
 
Estou convencido de que limitar a vida universitaria a un ir a clases, a un facer tarefas académicas, acabará, se é que non acabou, por facer da nosa universidade un lugar do que os estudantes sairán peor formados, na parte socializadora que significa o paso pola universidade, peor formados como persoas responsables, peor formados como cidadáns. E con elo contribuiremos a facer unha sociedade peor.

maio do 68
maio do 68 | Fonte: pinterest
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.