Temas: OURENSE

Ourense, capital das industrias creativas e culturais

O ICC Week xira este ano arredor do deseño, a fotografía, a música, o cinema, a arqueoloxía, o humor, as TICs, o gaming, e a xestión cultural. Participan, entre outras personalidades da creación, Paco Clavel, Javier Mariscal, Raquel Córcoles, Rober Bodegas, Graciela Querejeta, Mikel Erentxun e Yosi dos Suaves.

Por X.M. Fernández | Ourense | 01/05/2018 | Actualizada ás 09:55

Comparte esta noticia

O evento, con máis de 100 horas de actividade e unhas vinte ponencias, comezará o 2 de maio cun acto inaugural no que intervirá Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, e terá como eixo vertebrador o mundo do deseñoA ponencia "Mundos deseñados" xuntará a Bárbara Ouka Leele -fotógrafa e deseñadora-, Paco Clavel -artista e axitador cultural-, e Juan Sánchez -documentalista e comisario cultural-. A xornada rematará cunha conversa arredor da "Cultura no deseño" que terá como protagonistas á ilustradora, deseñadora gráfica e motion grapher ourensana María Grande e a Javier Mariscal,  Premio Nacional de Deseño e famoso por ter creado ao Cobi nos Xogos Olímpicos de Barcelona.

Javier Mariscal. Foto: Web ICC Week
Javier Mariscal. Foto: Web ICC Week

A industria musical centrará o seu discurso nos dereitos de propiedade intelectual, o xoves 3 pola tarde cos músicos e compositores Nacho García Vega e Luis Mendo Músico que falarán arredor da "Supervivencia na xungla dixital" e o mércores tarde con J. M Sastrón, presidente da SGAE, que entregará o Premio Musa SGAE a Yosi Domínguez, integrante da banda ourensana Los Suaves, en recoñecemento á súa traxectoria.

O venres pola mañá, baixo o título “Viaxe ásociedade do coñecemento”, as protagonistas serán as “mulleres tech”, creadoras e expertas en tendencias de máxima actualidade como son a realidade virtual, a realidade aumentada, o mundo do software e a gamificación ou a economía colaborativa. A ICC Week contará neste caso coa presenza de Luz Castro -formadora no Máster de Marketing Dixital da USC e profesora interina na Facultade de Comunicación Audiovisual da Universidade da Coruña-, Cynthia Gálvez –enxeñeira e deseñadora gráfica-, e Sara Rodríguez -manager de asuntos públicos e regulatorios en Adigital e en Sharing España-. Estas tres mulleres tecnolóxicas e emprendedoras contarán de primeira man o que están a facer na actualidade e o que está por vir nun momento de cambios como o que estamos a vivir.

Este mesmo día pola tarde falará do sector audiovisual Nico Campos, presidente da AGAG (Asociación Sindical Galega de Guionistas),  quen abordará as novas sobre o futuro dos contidos, os guións e a dirección, achegando as vivencias do sector da man da directora e guionista, Gracia Querejeta, cineasta moi recoñecida e referente no sector audiovisual.

Arredor do humor como industria cultural e creativa desenvolverase unha mesa redonda o xoves tarde baixo o título “Humor e creatividade, a parella perfecta”. Participan o xornalista Manuel de Lorenzo, o presentador Juanra Bonet, a escritora Raquel Córcoles -Moderna de Pueblo- e os humoristas e guionistas Alberto Casado e Rober Bodegas. No apartado musical, o Teatro Principal de Ourense acollerá a “ICC Show After Work” coa banda musical Morgan o mércores noite e Mikel Erentxun o venres; e tamén a “ICC Show Vermú” o sábado pola mañá con Rufus T. Firefly, Esposa, Bifannah e Silvia Superstar DJ.

Gracia Querejeta. Foto: Web ICC Week
Gracia Querejeta. Foto: Web ICC Week

Unha das novidades deste encontro será a entrega por primeira vez do premio “Rodolfo Prada á xestión cultural”, un galardón instaurado pola Deputación de Ourense co obxectivo de recoñecer o labor que realizan os traballadores e traballadoras da cultura en Galicia. Previo ao acto, Carlota Álvarez Bassó -do Centro de Arte Reina Sofía- afondará, acompañada da xornalista Marta Gómez, na xestión de públicos no sector cultural e a súa fidelidade.  

O patrimonio rupestre europeo

Coincidindo co Ano Europeo de Patrimonio Cultural, no que ao longo deste 2018 se celebran a diversidade, a historia compartida e a riqueza cultural na Unión Europea, ICC Week contará co primeiro simposio internacional de grandes especialistas en patrimonio que levará por título "O Patrimonio Rupestre Europeo". A actividade estará coordinada polos profesores Jorge López Quiroga (Universidade Autónoma de Madrid) e Carmela Crescenzi (Universidade de Florencia) tendo como centro do debate a investigación, a xestión, a difusión e o patrimonio cultural visto non só como un legado do pasado, se non tamén como un recurso para o noso futuro. A xornada desenvolverase nun dos grandes tesouros arquitectónicos de Ourense, San Pedro de Rocas, da man de expertos internacionais en materia de patrimonio, como son os italianos Domenico Caragnano e Antonio Mastrángelo, o grego Theodoros Ganetsos ou o Búlgaro Alexey Zhalov, ademais dos xa citados coordinadores. 

ICC Kids e ICC Gamers

Esta edición da Ourense ICC Week tamén terá programación para os cativos e para os adolescentes. Chincheto77 e Tonacho, dous dos máis afamados youtubers do país, ofrecerán unha charla sobre a influencia positiva que teñen o mundo gamer e youtuber nos mozos e mozas máis novos. Ademais, os Xardíns do Padre Feijoo acollerán unha instalación Xigante Grafitti ao aire libre. O sábado ás 12.00 h. María Grande conectará o deseño cos máis pequenos no obradoiro Emojinarium, no que intentarán expresar emocións co menor número de trazos posibles e analizarán os emoticonos, a linguaxe universal das expresións.

ICC Gamers é un novo evento enmarcado dentro da Ourense ICC Week que xirará arredor do fenómeno dos videoxogos e os e-sports dividíndose en dous bloques diferenciados: a “ICC Technium R Encounter” e a “ICC eSports”. Con esta iniciativa, que repartirá máis de 9.000 euros en premios, búscase posicionar á nosa comunidade preto deste mercado que evoluciona a un ritmo vertixinoso. Esta actividades complétase con "ICC e-sports", unha acción centrada nun novo xeito de entender o deporte e na que se desputarán torneos de FIFA 18, Clash Royale, e GT Sports. Este tipo de competicións profesionais de videoxogos conta cunha industria totalmente profesionalizada en países como Estados Unidos, Corea do Sur, Alemaña, Francia ou Suecia e que é capaz de mover millóns de euros anualmente arredor de todo o mundo.

Temas: OURENSE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Viva madrí!

Que bien se come en Galicia! Esa, de seguro, ha ser a conclusión final de semellante xuntoiro aquelarre de gafapastas de segunda. Por suposto, nada de galeguidade, que cheiran a esterco e non levan foulards de seda.

2 cansendono

Vaia elenco, o único que ten un premio de deseño tivoo o seculo pasado, todos españois e de cuarta, o único galego o Yosi, bon músico, pero que esta como un caldeiro, o demais españolada provinciana, ningún é coñecido alen do minho ou os Pirineus

1 cesc

Moi interesante todo.