Julia Otero: "Eu creo moito nas mobilizacións da xente que fan que se reformulen cousas"

"Se non facemos política todos nós, fánnola, e se cadra non é a que nos gusta", di a xornalista galega que recolleu en Ferrol o Premio José Couso, preocupada por un mundo no que se vai "en contra das liberdades".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/05/2018 | Actualizada ás 20:15

Comparte esta noticia

A xornalista radiofónica Julia Otero, que dirixe de luns a venres o espazo 'Julia na Onda', que se emite en Onda Cero, mostrou a súa preocupación este xoves polo feito de que no mundo se vaia "en contra das liberdades en xeral". "Prémianse opcións políticas, tal e como estamos a ver en Europa, que perseguen as liberdades, con propostas xenófobas moitas veces", manifestou, nun acto no que reivindicou a educación e a mobilización fronte aos ataques ás liberdades e, en concreto, á liberdade de prensa.

Julia Otero recolle o Premio José Couso á Liberdade de Prensa
Julia Otero recolle o Premio José Couso á Liberdade de Prensa | Fonte: Europa Press

Ditas manifestacións realizounas Otero en Ferrol, onde se desprazou para recoller o Premio José Couso á Liberdade de Prensa, que organizan o Colexio de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol.

En concreto, pronunciouse  deste xeito durante a recepción oficial ofrecida polo Concello de Ferrol, ante a presenza do alcalde desta cidade, Jorge Suárez (FeC), e outros representantes municipais, minutos antes de recibir o galardón que a acredita como gañadora da décimo cuarta edición desta distinción, nun acto desenvolvido no Teatro Jofre.

"Eu creo moito nas mobilizacións da xente, creo moito neste tipo de movementos sociais, que non derruba gobernos de entrada, que non fai cambalear as institucións, pero fai que se reformulen cousas, xa que o cidadán non é só un tipo que vai cada catro anos a decidir quen é o seu goberno. Se non facemos política todos nós, fánnola, e se cadra non é a que nos gusta", incidiu a xornalista, natural de Monforte (Lugo).

COMPROMISO

Julia Otero tamén asegurou que o recibir a distinción que leva o nome do cámara ferrolán "asasinado en Iraq, cando exercía de xornalista, é un premio que compromete a diferenza de calquera outro, que esixe que moralmente teñas unha posición diante do micrófono, na informaciónm que non decepcione a aqueles que un día puxeron o teu nome nunha papeleta".

É por iso que a xornalista de Onda Cero destacou que espera "honrar como se merece a memoria de José Couso", xa que a mensaxe que recibiu "con máis ilusión", foi á media hora de saber que era a gañadora, a través de Twitter, da irmá de José Couso, Sabela Couso.

"Dicíame que ela estaba orgullosa e feliz de que levase un premio co nome do seu irmán e que a súa nai era a máis feliz por saber que o nome do seu fillo ía estar na miña casa", subliñou.

"TEMPOS INTERESANTES PARA A CAUSA DAS MULLERES"

A preguntas dos medios de comunicación, acerca de cal era a súa opinión de converterse na primeira xornalista galega en conseguir este premio e a terceira muller de catorce galardoados, asegurou que "é unha boa noticia, pero insuficiente". "Estamos sobre o 20%, no IBEX mesmo estamos peor", incidiu.

"Corren tempos interesantes para a causa das mulleres e o que pasou o 8 de marzo vai ter continuidade, estamos a velo coa sentenza da Manda e parecía que estabamos anestesiados e colectivos importantes da sociedade, como os pensionistas e as mulleres, que tomaron de maneira pacifica as rúas. O cancanzo é de tal calibre que o 'xa abonda' está a soar moi atronador", trasladou a xornalista residente en Cataluña.

Ao tempo, advertiu que esta situación "terá que empezar a notarse non só nos premios", senón tamén "en quen dirixe os medios de comunicación. "Como exército somos bastante máis da metade", constatou.

DÍA REIVINDICATIVO

Pola súa banda, o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, asegurou que o Día da Liberdade de Prensa debe ser "un día de reivindicación e conmemorando o nome dun veciño como José Couso, cuxos familiares aínda están a reclamar xustiza e reparación", e que se converteu "nun símbolo na liberdade de prensa", onde "por desgraza o monopolio xornalístico dos altos executivos condiciona un pouco a vida diaria, tamén da clase política".

Suárez tamén felicitou a Julia Otero por este premio e, así, estimou que foi posible "grazas a manter sempre a súa independencia, o seu propio criterio, con obxectividade, sen estar ao servizo de ningún interese e exercendo un xornalismo con maiúsculas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 RAMIRO DE YOLI

Tamén veu Yoli Procesiones, a lucir palmito y a facerse fotos con Julia Otero

1 cazarraposas

Julia Otero, ja, ja, ja... Traballa, serve e adoutrina en Onda Cero, de A3Media, de Planeta. Planeta coa liberdade, ja, ja, ja... Pregúntenlle por Catalunya! A liberdade vixiada ou viciada baixo control de Planeta!

1 Dalle que libras

Home como Mexuto de Sermón Paliza non é