Asocian o quecemento da temperatura das rías galegas co aumento de infeccións por unha toxina en mariscos

Científicos galegos, ingleses e estadounidenses relacionan a infección por Vibrio parahaemolyticus co aumento da temperatura da superficie do mar nas zonas costeiras de Galicia. Esta bacteria causa enfermidades asociadas coa inxesta de marisco e considérase rara e esporádica en toda Europa, agás en Galicia.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/05/2018 | Actualizada ás 14:52

Comparte esta noticia

A infección por Vibrio parahaemolyticus é a principal causa bacteriolóxica de enfermidades asociadas co consumo de mariscos en todo o mundo. Xeralmente, é rara e esporádica en toda Europa; non é así en Galicia, territorio considerado unha anomalía dentro do contexto epidemiolóxico desta bacteria en Europa. Un equipo de investigadores galegos, ingleses e estadounidenses, entre os que figura o profesor da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Joaquín Triñanes, estudou a dinámica epidémica da enfermidade que provoca esta bacteria en Galicia, cuxas infeccións xurdiron abruptamente a finais do século pasado e que agora asocian co aumento da temperatura da superficie do mar nas zonas costeiras galegas. 

Ría de Pontevedra / Gabriel González en www.flickr.com/photos/gaby1/37232183582.
Ría de Pontevedra / Gabriel González en www.flickr.com/photos/gaby1/37232183582.

“Isto pode representar un factor fundamental que contribúe á aparición de enfermidades relacionadas con estas cepas patóxenas”, explica Jaime Martínez-Urtaza, do Centro de Ciencias do Medio Ambiente, Pesca e Acuicultura en Weymouth (Reino Unido) e primeiro asinante do artigo.

Neste traballo, que acaba de publicar a prestixiosa revista Emerging Infectious Diseases, analízase a serie temporal de temperaturas da superficie mariña co obxectivo de estudar un posible quecemento nas rías. Segundo os datos, que abarcan desde 1982 a 2016, obsérvase un claro quecemento nas rías galegas con temperaturas na auga de mar por riba de 18 graos a razón dun aumento de un día por ano, o que supón para todo o período -35 anos- un incremento total de 35 días.

O valor de 18ºC representa un umbral que foi asociado a un aumento de casos clínicos. “Ao final da serie atopámonos cuns 35 días máis con temperaturas por riba de 18 graos que en 1982, algo realmente preocupante neste tipo de infeccións,” asegura o profesor Triñanes.

Pero ese quecemento nas rías non foi progresivo senón que se aprecian dous cambios na tendencia, en 1994 (quecemento de 0.4°C) e en 2014 (0.7°C), que se corresponden con dous brotes importantes en infeccións por Vibrio parahaemolyticus. Eses cambios actuaron como unha especie de propulsor das poboacións de certos patóxenos nas rías, que aumentan a temperaturas por riba de 18 graos, “o que orixinou en 1994 a aparición de enfermidades causadas por esa bacteria asociados ao consumo de produtos mariños, un fenómeno que aumentou recentemente, sobre todo a partir de 2014, cando se observou o segundo quecemento”, matiza Triñanes.

O estudo utiliza por primeira vez a secuenciación xenómica dunha poboación mundial de Vibrio parahaemolyticus que permitiu establecer a orixe máis probable desas cepas presentes en Galicia, e estimar a data na que foron introducidas nas rías. “Aplicamos a secuenciación do xenoma completo para unha visión integral e de alta resolución das poboacións patoxénicas identificadas nas fontes clínicas asociadas cos principais episodios da enfermidade en Galicia durante os últimos 20 anos”, explica o principal autor.

Na investigaciómn colaboraron a Universidade de Santiago, o Centro de Ciencias do Medio Ambiente, Pesca e Acuicultura en Weymouth (Reino Unido), hospitais galegos, a Consellaría de Sanidade e o sector produtor.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta