Feijóo: "Galicia quere ser galega, española, bilingüe e tolerante"

Defende que co seu goberno coñécese "máis" o galego e alerta de que o nacionalismo "se apropie" del. Pontón chama a retomar os consensos lingüísticos e Feijóo critica a líder do BNG por facer comentarios "machistas" contra as conselleiras.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2018 | Actualizada ás 15:19

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou o labor do seu Executivo na promoción do galego e reivindicou que se coñece "máis" non só que cando gobernaba o bipartito, senón que noutras comunidades con lingua propia como Cataluña e Euskadi. Ao seu xuízo, agora dáse "o maior índice de coñecemento da historia" e "o maior dano" para o idioma é que o nacionalismo se poda "apropiar" del.

Manifestación de Galicia Bilingüe na que participaron dirixentes do PP e de UPyD
Manifestación de Galicia Bilingüe na que participaron dirixentes do PP e de UPyD | Fonte: elconfidencialautonomico.com

"En Galicia coñécese máis o idioma propio que cataláns e vascos. O maior dano é apropiarse del, considerar que é propiedade intelectual dos nacionalistas. Vostedes non son a sociedade xeral de autores do galego. Galicia quere ser galega, española, bilingüe e tolerante", trasladou Feijóo á portavoz do BNG, Ana Pontón.

En todo caso, a falta dunha semana para que se celebre o Día das Letras Galegas na comunidade, o titular da Xunta recoñeceu que lle preocupa o "baixo uso" do galego por parte dos mozos en zonas urbanas da comunidade e ratificou un compromiso: "Mentres sexa presidente, seguirei traballando polo galego".

Fíxoo en resposta a Pontón, quen o acusou de converter os seus sucesivos mandatos á fronte da Xunta "nun escrache" contra o idioma propio de Galicia e instouno a ver "completos" os informes da Real Academia Galega (RAG), non só no apartado que respecta ao "coñecemento" do idioma.

A dirixente nacionalista fixo especial fincapé na súa "diminución" de uso por parte dos mozos e lamentou, no marco da polémica xerada polo cambio de formato do programa da Radio Galega 'Diario Cultural', que nos medios públicos "se eliminen" espazos de promoción cultural ou se emitan "debuxos animados do século XX para nenos do século XXI", como Shin Chan ou Son Goku.

Rosa Díez, no centro, canda Ana Pastor e López Chaves (PP) na polémica protesta de Galicia Bilingüe na precampaña das últimas autonómicas
Rosa Díez, no centro, canda Ana Pastor e López Chaves (PP) na polémica protesta de Galicia Bilingüe na precampaña das últimas autonómicas | Fonte: M.V. para ANT

"RETROCESO MAIOR" QUE CON FRAGA

"A súa política non é nin bilingüe, nin cordial, nin harmónica", afeou a dirixente nacionalista ao presidente galego, a quen botou en cara que chegase á Xunta con "a imposición" como "cabalo de batalla" e despois se adicase a "debilitar" o papel da lingua. Precisou que "non o di" o BNG senón institucións como a RAG ou o Consello da Cultura Galega.

Dito isto, despois de censurar que o mandato de Feijóo supón "un retroceso maior" para o idioma que os gobernos de Manuel Fraga, chamou a "retomar os consensos" e remitiuse ao Plan de Normalización Lingüística do ano 2004, ademais de esixir derrogar o decreto do galego no ensino.

UN DECRETO CON "RESPALDOS LEGAIS"

O presidente "asumiu" a proposta da dirixente nacionalista e asegurou que "acata" o plan aprobado "cando o PP gobernaba", pero advertiu que non anulará un decreto que conta con "todos" os respaldos "legais" e resultados que o "avalan". Como exemplo, volveuse a remitir ao informe da RAG que ratifica un elevado coñecemento do galego por parte dos cidadáns da comunidade.

"Segundo a RAG, o momento máis baixo do uso do galego na mocidade produciuse cando vostedes gobernaban. Os mozos son libres e quedaron fartos da política lingüística do bipartito", espetou Feijóo, quen tamén lembrou que, "por primeira vez", a República portuguesa "condecorou" á Xunta por promover o respecto á cultura e á lingua no mundo lusófono.

"COMENTARIO MACHISTA"

Durante o debate, Feijóo acusou a Pontón de facer "un comentario machista" cara a conselleiras presentes no debate, ao que a dirixente nacionalista instouno a aclarar "cal" e pediu ao xefe do Lexislativo, Miguel Santalices, que explicase se el tamén o percibía.

O presidente galego referíase a un momento do debate no que, mentres Pontón incidía no descenso de falantes e indicaba que había nenos que falaban galego na súa casa e que deixaban de facelo ao ir ao colexio, houbo risas nas bancadas do Goberno e do PP, e ela criticou que houbese "conselleiras ás que lles dá a risa porque se mofan deste país".

Santalices, pola súa banda, sinalou que a súa "interpretación" é que Feijóo considerara "machista" a alusión de Pontón porque "máis persoas riron no hemiciclo e só mencionou ás conselleiras" e deu por resolto o asunto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 carmen baz

sí, os galegos somos así, bilingües e tolerantes, especialmente os que falamos galego, e tamén castelán si fai falta. Os que non son tolerantes son os que falan só castelán e nos obrigan a todos a falar coma eles e ainda por riba nos insultan

2 Gouriz

Pois bilingüe graças ao Feijó and company cada dia é menos.