Alertan do pouco espazo que queda para a cultura nos medios públicos galegos

O manifesto “Nós non imos ficar caladas” reuniu este luns a Xurxo Souto, Margarita Ledo e Luis Pérez Barral nunha rolda de prensa en que reclamaron o papel dinamizador do programa Diario Cultural da Radio Galega.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 14/05/2018 | Actualizada ás 21:15

Comparte esta noticia

O número de sinaturas reunidas polo manifesto creado, entre outros, por Xurxo Souto, eran a día de hoxe 3.200. “Máis de tres mil sinaturas en defensa dos medios públicos, medios que son un logro da cidadanía” en palabras de Souto. O propio activista cultural quixo revindicar “a súa finalidade que é que cumpran coa súa obriga”. Para reforzar este argumento o artista coruñés lembrou que o punto un do artigo un da lei de creación da Compañía de Radiotelevisión de Galicia, comprometía a esta compañía pública a difundir e defender a lingua e cultura galegas.

Margarita Ledo, Xurxo Souto e Luís Pérez na Facultade de Xornalismo
Margarita Ledo, Xurxo Souto e Luís Pérez na Facultade de Xornalismo

Estas palabras foron expresadas durante a rolda de prensa “En defensa do Diario Cultural da Radio Galega” na facultade de Xornalismo da USC. Xunto a Souto estaban a profesora e ensaísta Margarita Ledo e o membro da Mesa pola Normalizaicón Lingüística, Luis Pérez. Durante a súa intervención, Souto reclamou primeiro que a radio pública galega non retire as desconexións locais que ten previsto retirar a partir de setembro, que iso “elimina a proximidade da Radio Galega coa información máis perto da xente”.

Ademais, Xurxo Souto declarou que recibira unha chamada da xefa de programas da Radio Galega, Tania Lombao; “unha chamada que a honra e coa que me explicou que o Diario Cultural non ía desaparecer, senón que aparecería noutro formato, en espazos máis reducidos que tamén se chamarían Diario Cultural”. “Por nós adiante, que a Radio Galega se ocupe da cultura, pero o que nos molesta é que desapareza o que estaba funcionando” dixo Souto.

Pola súa banda, Margarita Ledo declarou que “máis de tres mil sinaturas demostran que Diario Cultural forma parte das querencias da sociedade”. Engadiu a profesora de Comunicación que “os medios públicos non son resultado da necesidade de información, senón que son elementos dinamizadores”. Por outra parte, Ledo reclamou “a necesidade da existencia de consellos de redacción nos medios públicos ademais de que o Consello do Audiovisual sexa unha autoridade independente”.

Luis Pérez, da Mesa pola Normalización Lingüística quixo deixar constancia de que “este debate arredor dos cambios na grella da Radio Galega mostran que a sociedade está concienciada a favor dos medios públicos”. Sobre Diario Cultural “había xa un trasfondo detrás que era a eliminación de programas culturais, espazos de difusión que sería necesario recuperar”.

O manifesto Nós non imos ficar caladas está nesta ligazón


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Un galego

E para que quere cultura un pobo de bochechóns e con un índice de máis do 70% que non chega a un nivel de intelixencia normal..., por moito que algúns pretendan agochar o seu grado de imbecilidade falando o idioma imperial (que os deixa máis en evidencia aínda, por moito que eles pensen o contrario). Sinto ser tan realista. De verdade que me gustaría poder facer unha descrición nas antípodas desta pero non é posible. É a crúa realidade dunha cultura e unha estirpe que morre.