Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/05/2018 | Actualizada ás 19:43
O comité de folga de xustiza anunciou a convocatoria dunha reunión para este martes en Santiago na que, entre outras cuestións, prevé analizar se se impugna a sinatura do acordo que derive da decisión de tres sindicatos (SPJ-USO, CC.OO. e UXT) de aceptar a oferta da Administración autonómica.
"Esa decisión leva unha sinatura que non sabemos se se produciu ou non, non temos comunicación. Pero veremos que medidas tomamos contra a convocatoria desta mesa sectorial ilegal e a firma dun acordo por parte de tres sindicatos que non teñen a maioría no comité de folga", ratificaron fontes deste órgano. No comité permanecen CSIF e os tres sindicatos que no seu día rexeitaron a proposta da Xunta (AXG-CUT, CIG e STAJ).
Fontes de CSIF avanzaron que seguen pendentes das respostas que o resto de organizacións dean á súa proposta de mediación e, aínda sen descartar acudir a este encontro, apuntaron que ir ou non é unha decisión que aínda están a avaliar internamente.
MEDIACIÓN E ANULACIÓN DOS SERVIZOS MÍNIMOS
En todo caso, a orde do día do comité de folga inclúe, ademais do estudo de medidas ante a firma do acordo por parte das organizacións sindicais e contra a orde que deixa sen efecto os servizos mínimos "cando hai xente que segue en folga", analizar a interposición dunha solicitude de mediación. O encontro terá lugar este martes ás 12,00 horas en Santiago.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.