Todos os ríos da mina de Touro- O Pino, contaminados por metais pesados e alta acidez

Augas de Galicia respostou á solicitude cursada por ADEGA para coñecer as analíticas de augas achegando numerosos datos alarmantes na contorna da antiga mina de Touro.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/06/2018 | Actualizada ás 14:02

Comparte esta noticia

Á vista dos datos achegados por Augas de Galicia,  pódese concluir que a práctica totalidade dos cursos de auga que arrodean a antiga explotación mineira de Touro-O Pino amosan contaminación por metais pesados e alta acidez.  Segundo infprma Augas de Galicia, esta contaminación afecta á calidade das augas superficiais e soterradas nunha extensión mínima de 65 km2 na contorna da mina, cando menos dende os últimos 10 anos

Río Portapego contaminado pola mina de Touro
Río Portapego contaminado pola mina de Touro | Fonte: Mina Touro-O Pino Non

A MINA: PRINCIPAL FONTE DE CONTAMINACIÓN

Estes resultados confirman o xa apontado polas analíticas realizadas por ADEGA en datas recentes (novembro de 2017) en dous puntos (regos Pucheiras e Portapego), e debuxan unha preocupante situación.

"Constátase o fracaso dos supostos tratamentos de rexeneración, de xeito que as antigas labores e instalacións da mina de cobre de Touro-O Pino seguen a ser unha fonte continua de contaminación das augas superficiais e soterradas" apunta ADEGA. Así, destaca que esta instalación, hoxe pechada, converteuse na principal fonte de contaminación por metais pesados na bacía do río Ulla.

ADEGA esíxelle á Augas de Galicia e á consellaría de Medio Ambiente que denegue a autorización do novo proxecto mineiro e depure as oportunas responsabilidades pola continua contaminación das augas durante anos."O contrario significaría un inxustificábel favoritismo cunha empresa cuxa actividade supón un risco para a saúde ambiental e cidadá" puntualiza a organización ecoloxista. Así, destaca que "unha administración que vela polos intereses xerais non debería tampouco permitir unha ameaza deste calibre sobre un importante sector económico que dá emprego a milleiros de persoas na ría da Arousa."

Mapa de mostraxe de vertidos
Mapa de mostraxe de vertidos | Fonte: ADEGA

OS TRATAMENTOS DE REXENERACIÓN: UN FRACASO

Os resultados analíticos das "canles sometidas a tratamentos de rexeneración” (sic) amosan a persistencia de altos níveis de metais pesados mesmo despois dos supostos “tratamentos”. Na saída da balsa de Argumil, todas as analíticas de augas amosan cantidades moi importantes de Cu, Zn, Fe, Mn,  Al, sulfatos e condutividade, todos eles por riba das medias anuais e valores paramétricos.

ADEGA denuncia que "a ineficacia dos tratamentos de rexeneración ponse en evidencia nos resultados das mostraxes de vertidos no rego Portapego". A acidez é extrema en todos os puntos de mostraxe, cun pico mínimo de 2,52 unidades 200m augas abaixo do surximento do Portapego, máis ácido aínda que antes do “tratamento”.

Para o rego Felisa, sometido tamén a unha suposta rexeneración, acontece algo similar que para o Portapego.  As escorrentías da balsa de Vieiro, aínda que cunha acidez máis moderada amosan unha situación parecida á rexistrada na balsa de Argumil. Finalmente, os rebouses da balsa de Bama debuxan unha situación similar á da balsa de Vieiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta