O cárcere da Coruña: de espazo de represión franquista a espazo de cultura e libre expresión

Despois de sete anos de reivindicacións, o Proxecto Cárcere está a finalizar unha das últimas obras "imprescindibles" para a súa reapertura. Fican por completar as obras de accesibilidade, evacuación e rehabilitación, que se farán durante o verán coa posibilidade de estar finalizadas nos últimos meses do ano.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/06/2018 | Actualizada ás 08:30

Comparte esta noticia

O cárcere da Coruña foi usado desde 1936 para recluir a centos de vítimas de represión franquista: na guerra, na posguerra e nas catro décadas seguintes á ditadura. Os muros da prisión da Coruña viviron a represión de intelectuais, políticos ou mestres, pero hoxe están máis preto de liberar o sufrimento que alí existiu. Transformar un espazo de represión en espazo para a liberdade, a diversidade e a cultura. Construir un espazo de permanente reflexión que reivindica o orgullo e a dignidade dos presos. Un espazo de  diálogo co pasado, o presente e o futuro. Un espazo que dentro de pouco poderá ser usado polos veciños e as veciñas da cidade. Memoria viva.

Actividades culturais no antigo cárcere da Coruña
Actividades culturais no antigo cárcere da Coruña | Fonte: Tamtampress.es

Unha das razóns polas que, no ano 2010, se apostou por unha xestión cidadá do espazo era por "encontrarnos con varios exemplos de investimentos multimillonarios en 'contedores' de cultura que ficaban baleiros de contido" segundo comunican desde o Proxecto Cárcere. Por iso, o que se busca con este proxecto é "exactamente o contrario": "Queremos que sexa a xente a que se apropie do espazo e sexa ela a protagonista da xeración de contidos que contribúan á cultura e expresión libre" explican desde o proxecto.  

UN MOMENTO "ILUSIONANTE"

Tras sete anos de reivindicacións e tras ter asinado o sete de xuño xunto ao Concello da Coruña a formalización do documento para a dinamización sociocomunitaria do Cárcere, estase no medio dunha das últimas obras que consideran "imprescindibles" para a súa reapertura. Estase a finalizar a adaptación dos baños para facelos accesibles e a colocación dunha rampla que salve as escaleiras da entrada. 

"Nesta primeira fase farémonos cargo da nave de entrada, de aproximadamente 200 m2"

Antigo cárcere da Coruña
Antigo cárcere da Coruña | Fonte: Concello da Coruña

Estas obras levarán, aproximadamente, unhas tres semanas en ser completadas e ese tempo aproveitarase para limpar e acondicionar o espazo e preparar os protocolos e funcionamento e xestión para facilitar a entrada de persoas e colectivos á vida do Cárcere. "Nesta primeira fase farémonos cargo da nave de entrada, de aproximadamente 200 m2. Gradualmente iranse abrindo outros espazos para o uso, así que se vaian realizando as obras de rehabilitación e acondicionamento necesarias" apuntan desde a xestión do proxecto. Así, fican por completar as obras de accesibilidade, evacuación e rehabilitación e "durante o verán faranse parte delas coa posibilidade de estar finalizadas nos últimos meses do ano". 

ABANDONO TOTAL

Desde o proxecto falan dun "abandono absoluto" do total do edificio durante 7 anos e apelan "ao sentido común e responsabilidade das autoridades competentes para tomar as medidas mínimas de mantemento ten causado un deterioro que nós consideramos inaceptábel". 

A nave de entrada, a pesar de cumprir coas mínimas condicións de habitabilidade, era "mellorábel" no que se refire ao fin de obra, tendo o proxecto que facer "un traballo que tal vez non nos correspondería".  Doutra banda, apuntan a enfocar o asunto dun lado positivo para así "axudar a que outras posíbeis iniciativas surxidas da cidadanía podan facer uso do patrimonio público para fins comúns e socioculturais."

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta