A USC oferta os novos graos de Biotecnoloxía, Criminoloxía e Paisaxe para o vindeiro curso

Os detalles desta nova oferta académica achegounos este mércores o reitor Antonio López, que destacou a longa traxectoria de estudos e investigación con que contan na USC os títulos de Biotecnoloxía e Criminoloxía, así como o carácter innovador do grao en Paisaxe.

Por Alicia Casas | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2018 | Actualizada ás 19:30

Comparte esta noticia

A Universidade de Santiago de Compostela ofertará os novos graos de Biotecnoloxía, Criminoloxía e Paisaxe para o vindeiro curso 2018/2019. Na mañá deste mércores, o reitor Antonio López explicou os detalles da nova oferta académica e anunciou que a Facultade de Química vai poñer a funcionar un grupo en inglés que, se ben non é unha nova titulación, supón "a docencia en inglés dun título que xa existía".

Unha empresa realiza probas en biotecnoloxía
Unha empresa realiza probas en biotecnoloxía | Fonte: www.emaze.com

Na rolda de prensa o reitor estivo acompañado pola vicerreitora de Titulacións, Victoria Otero, e polos decanos dos centros onde se desenvolverán os graos: o de Bioloxía, Antonio Segura; de Dereito, Gumersindo Guinarte; e da escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Tomás Cuesta, que explicaron algunhas das singularidades dos novos estudos da USC. 

BIOTECNOLOXÍA

No que respecta ao grao en Biotecnoloxía, impartirase na Facultade de Bioloxía, en estreita colaboración coa ETSE e a Facultade de Farmacia. O coordinador será Javier Sampedro, do departamento de Bioloxía Funcional. Antonio Segura foi o encargado de describir esta nova titulación e expuxo as razóns que impulsaron a creación deste novo grao: "Unha das razóns é o potencial que ten a Universidade de Santiago nese ámbito. Unha disciplina que dá moitas solucións a problemas que hoxe se lle plantexan á propia Humanidade", explicou.

Así, este grao aproveita a experiencia e capacidade da USC no ámbito do seu Campus de Excelencia Internacional Campus Vida e que entronca cunha aposta estratéxica polo sector biotecnóloxico. Segundo datos da Xunta de Galicia, no ámbito da produción científica, biotecnoloxía xera preto do 38% das publicacións científicas en Galicia, e nos últimos tres anos as empresas usuarias de biotecnoloxía medraron un 86%.

Doutra banda, entre os motivos que impulsaron a creación do grao en Biotecnoloxía atópase que a titulación permite a incorporación ao mundo laboral en diversos ámbitos profesionais como: investigación e desenvolvemento de procesos biotecnolóxicos, dirección de empresas biotecnolóxicas e xestión da investigación e desenvolvemento en industria e organismos públicos, patentes e propiedade intelectual...

"Sabemos tamén que desde o ano 2016 se traballa no deseño de novas estratexias para o sector biotecnolóxico. En financiación pública e privada no lustro 16/20 é arredor de 200 millóns de euros para dinamizar este proceso coa creación de novas empresas e novos postos de traballo no sector biotecnolóxico", declarou Antonio Segura. 

"Estudantes procedentes das probas de acceso da Universidade de Galicia recaían noutras universidades de comunidades autónomas veciñas a estudar graos de Biotecnoloxía"

Por último, o decano de Bioloxía sinalou que outra das razóns para lanzar o grao foi ter coñecemento de que "estudantes procedentes das probas de acceso da Universidade de Galicia recaían noutras universidades de comunidades autónomas veciñas a estudar graos de Biotecnoloxía, como na Universidade de León, ou a de Oviedo e Salamanca". Así, o grao oferta a posibilidade de elixir en cuarto curso entre tres itinerarios ou mencións: Biotecnoloxía sanitaria, Biotecnoloxía Industrial e Biotecnoloxía Agroalimentaria.

CRIMINOLOXÍA

A Facultade de Dereito será o centro que acolla tanto o primeiro curso do grao de Criminoloxía como o "curso ponte" ao que poderán acceder os estudantes que rematasen na USC o título propio "Diploma superior en Criminoloxía". A implantación do grao, que coordina Fernando Vázquez- Portomeñe, será progresiva e agárdase que teña, como noutras universidades españolas, unha elevada demanda de acceso. "Unha demanda sostida, incluso in crescendo" segundo Gumersindo Guinarte. 

O coordinador do novo grao declarou que "fixo falta a participación de moitas persoas" e que o feito de que a titulación se imparta na Facultade de Dereito é "un reto importante porque supón a implantación de moitas áreas que non son xurídicas". Así, o primeiro curso consta de materias de formación básica de diversas áreas (dereito, psicoloxía, socioloxía, linguas modernas...), reflectindo o carácter interdisciplinar destas ensinanzas. En canto ao curso ponte, accederase por orde de cualificacións do título propio e consta de 70 créditos e medio, incluíndo un traballo de fin de grao. 

PAISAXE

O grao en Paisaxe, compartido pola Universidade da Coruña, pretende cubrir unha demanda da sociedade no ámbito da xestión do recurso paisaxe, aproveitando a experiencia e os medios humanos e materiais da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (USC) e a Escola Técnica Superior de Arquitectura (UDC). Na USC a coordinadora deste título é María Isabel Iglesias. O decano Tomás Cuesta apuntou que "fai falta dispor de especialistas en Paisaxe. Hai un cambio na nosa economía onde a paisaxe non é un recurso estético limitado". 

Do mesmo xeito, Cuesta aclarou a importancia desta titulación sinalando que non existe ainda no territorio español pero si noutros países europeos coma Portugal ou Francia. Así, esta formación integra materias e disciplinas moi diversas e está a ser obxecto dun proceso de homoxeneización dentro do ámbito da Unión Europea no que, baixo a denominación de Proxecto Le-Notre, participan máis de cen universidades de todo o mundo. 

 "A paisaxe era máis que unha foto, era un recurso económico que estabamos dilapidando"

"É un grao claramente interdisciplinar. Ten que haber especialistas na paisaxe. A paisaxe é un recurso económico que xenera riqueza. Hai unha demanda clara", concluiu o decano de Escola Politécnica Superior de Enxeñaría. E, ante a pregunta de se este grao chegaba tarde, explicou que "posiblemente si, pero chega. Chega ben, e colaborando dúas universidades públicas". E continuou: "A paisaxe era máis que unha foto, era un recurso económico que estabamos dilapidando".

UN CALENDARIO ACADÉMICO UNIVERSITARIO COMÚN

O novo reitorado da USC está encabezado polo catedrático en Dereito Financeiro e Tributario Antonió López, que se impuxo nas pasadas eleccións a Juan Manuel Viaño (que optaba a reelección) e a Emilio Fernández. Ante a pregunta de como levaba, polo de agora, o cargo, bromeou declarando que se sentía como Arsenio Iglesias cando lle deran a Medalla Castelao: "Síntome un pouco esixido". 

Asimesmo, aclarou que este era un mes con moitas actividades coma congresos ou graduacións e expresou un desexo para o vindeiro curso: ter un calendario académico universitario común.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta