Velutina, a avespa do verán

O impacto da avespa velutina en Galicia é indubidable. Menos dunha década lle chegou a este insecto asiático para colonizar o noroeste, logo de facelo en Francia e a costa cantábrica. Cuestións climatolóxicas e a falta duns depredadores naturais que frearan a súa expansión ou polo menos o número, acabaron por converter este insecto na praga do verán.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 21/06/2018 | Actualizada ás 14:57

Comparte esta noticia

Os primeiros casos reportados en Europa de velutina comezan en 2005. Unha colonia agochada nun contentor marítimo procedente da China comezaba o, ata de agora, imparable avance por Europa. Algúns científicos sinalan as similitudes climáticas desta área europea co medio ambiente orixinario da velutina, como unha das causas da rápida expansión do insecto. En concreto estamos falando da Vespa velutina nigrithorax, endémica do sueste da China e zonas illadas entre Nepal, India e Bangla Desh. Todo o sueste asiático presenta diferentes subespecies da velutina, con lixeiras diferenzas pero compartindo as características de grande tamaño con respecto das avespas europeas e coas abellas.

Niño de vespa velutina nas Illas Cíes
Niño de vespa velutina nas Illas Cíes | Fonte: Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia.

Quizais a culpabilidade do esparexemento da velutina estea, entre outros elementos, no comercio internacional e a falta de control sobre as mercadorías procedentes doutros lugares. Esta falta de control é consecuencia da imposibilidade de vixiar cada contentor que entra nos portos europeos. E esta imposibilidade foi o pé para a aparición de niños de velutina en diversas partes da xeografía do país, chamando a atención de expertos e preocupando a sectores como o apícola.

PEITO NEGRO

O nome científico da velutina,  vespa velutina nigrithorax, peito negro, indica unha das súas características máis recoñecibles. A tonalidade escura do seu corpo contrasta coa maior presenza da  cor marela da vespa europea. Tamén as dimensións sobrepasan amplamente as das súas parentes autóctonas. Existen diferentes subespecies, sendo a nigrithorax a espallada por Europa debido a que as condicións climáticas lle son favorables. Con todo, outras subespecies máis estendidas abranguen espazos como as illas da Indonesia, áreas do noroeste da India e noreste de Pakistán, así como zonas de Afganistán e zonas máis frías como os pés do cordal do Himalaia e zonas montañosas da China.

As primeiras alarmas en Galicia aparecen no 2010, concretamente no concello de Burela, o que viría respondendo á extensión do insecto desde a área de Burdeos, Francia, onde fora detectada por primeira vez. A velutina foi seguindo a liña costeira sur do golfo de Biscaia, estendéndose pola costa cantábrica ata acadar practicamente todo o territorio galego.

DREPREDADORES E TRAMPAS

“Só no ano 2017 retiraron 100.000 niños de velutina” di Marcos González director do Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago, que inauguran unha exposición sobre a vespa asiática.

Actualmente non existen ou non se ten constancia de depredadores para esta avespa en Europa, segundo apunta Xesús Asorei, especialista en velutina da Asociación Galega de Apicultores. “Polo de agora os métodos que se usan para combatela son os ideados polos mesmos apicultores” entre eses métodos figuran “as trampas ideadas para capturar a nai fundadora” apunta Asorei. Tamén existe o método da arpa eléctrica para frear o achegamento da velutina ás colmeas de avellas.

Outros métodos serían a retirada dos niños pola noite, cando os insectos durmen. “Hai quen inxecta o insecticida para que morran dentro e así retirar os niños sen risco para as persoas” puntualiza Xesús Asorei. Pero a pregunta é, poderase eliminar esta especie do continente?
“Hoxe por hoxe non é posible a súa eliminación, non cremos nunha erradicación total para os vindeiros anos, así que teremos que aprender a convivir con ela”.

COORDINACIÓN

As diferentes administracións ata o de agora estiveron actuando de maneira “descoordinada”, atendendo as chamadas das persoas afectadas. Houbo casos, segundo algúns agricultores do norte de Lugo, que tiveron que esperar mesmo unha semana para a eliminación da colonia de avespas na súa casa, co risco que puidese existir para a integridade da familia.

“Son todas as administracións, Xunta e concellos incluidos, quen deberan estar coordinados para dar solucións á praga” di Asorei. O caso é que segundo o director do Museo de Historia Natural, Marcos González, “o número de niños non se sabe, o que agora importa son os danos colaterais que produzan estas avespas”. Sobre as trampas González tampouco mostra unha especial predilección “realmente dentro das trampas con feromonas só cae un 1% de vespas velutinas”.

González tamén é partidario dunha coordinación máis estreita entre os actores afectados e con competencias sobre este tema. “Se se quere combater con eficacia hai que xuntar esforzos e de paso contrastar experimentos que permitan polo menos frear o seu avance” remarca González. Sobre os danos colaterais, o máis forte sería que a velutina está eliminando insectos polinizadores autóctonos o que pon en risco tamén a sobrevivencia dalgunhas especies vexetais e arbóreas.

En tal caso, a vespa do verán está aí e durante un tempo teremos que aprender a convivir con ella ata a chegada do remedio. Neste sentido apuntar que tanto Xunta, como USC e apicultores crearán un equipo de traballo para o estudo de solucións a medio prazo. Este equipo comezará a andar en breve.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta