Por Galicia Confidencial | Cerceda | 28/03/2011 | Actualizada ás 21:41
Dende hai varios anos a Liga Nacional da Billarda tenta espallar este tradicional deporte galego. O sábado acudiron a Cerceda para participar na Primeira Festa da Billarda. Alá foron tamén as cámaras de Tinga Laranga para recoller a competición e ademais explicar os esforzos por recuperar esta actividade:
“Por que nós non podemos ter un deporte importante?” pregúntase Ricardo Perez i Verdes, doutor en ciencias de actividade física na Universidade da Coruña.
Tan antigo como os exipcios
O experto salienta a “antigüidade” da billarda, pois houbo diferentes variedades no mundo exipcio, na Idade Media, Renacemento e Siglo de Ouro. A billarda caeu no esquecemento case por completo no século XIX.
O ex-profesor da UDC recoñece o “innegábel parecido co cricket” e argumenta que a billarda é “a versión máis arcaica dos chamados xogos de bate o golpeo estendidos por todo o mundo”.
Perez i Verdes lembra que no país o xogo ten infinidade de nomes, por exemplo: pinchapau, xarabato, chona, canícula e pinca; Para o estudoso a billarda é produto da comunidade rural, pois era o xogo favorito entre os que mozos que sacaban as facendas ao monte.
Centos de xogadores e ducias de equipos
Historia e antropoloxía á marxe, o certo é que o traballo da LNB logrou popularizar de novo o xogo en pleno século XXI. Hoxe compiten equipos dunhas cinco persoas en cinco conferencias, cada unha formada por cinco ou seis equipos.
Moitos dos xogadores interésanse primeiro e logo descubren que os seus pais ou avós xogaban cando mozos. É o caso de David Fontán, membro Liga Nacional de Billarda: “En marzo de 2006, cando a LNB chegou á Zapateira, na Coruña, para desputar o I All Stars deste deporte. Meu irmán enterase por internet e falamos do tema na casa. Daquela, meu pai explicounos o que era a billarda, xa que cando el era novo xogábase moito no seu barrio, o de Labañou”.
Esta tempada é a cuarta da Conferencia Noroeste, organizada en torno á cidade herculina. Para Fontán, “xogar por primeira vez en Cerceda, lugar de onde provén a miña familia materna e onde pasei boa parte da miña vida, é incríbel”.
Guillermo Da Silva, do equipo Os Outros, e Iván Puente Castro, dos Bateas, quedaron en primeira e segunda posición.
Ademais do deporte, a Asociación Cultural Lucerna organizou un faladoiro sobre a billarda e música galega, coa actuación de Gende Beat e Galeoke até altas horas da noite.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.