A Xunta de Accionistas de Abanca aproba as contas de 2017, cun beneficio neto de 367 millóns, un 10% máis

Contou coa presenza de Juan Carlos Escotet, que abandonou temporalmente a presidencia pola situación de Banesco

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2018 | Actualizada ás 18:48

Comparte esta noticia

A Xunta de Accionistas de Abanca aprobou as contas de 2017, nas que a entidade obtivo un beneficio neto de 367 millóns de euros, un 10% máis que no exercicio anterior, segundo informa nun comunicado. Tamén ratificou a distribución do dividendo correspondente ao exercicio do ano pasado por un importe total de 146,8 millóns de euros, de acordo coa comunicación trasladada á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

Xunta de Accionistas de Abanca
Xunta de Accionistas de Abanca | Fonte: Europa Press

A entidade celebrou este luns unha Xunta que rexistrou unha asistencia do 87,45% do capital social da entidade e na que se aprobaron os oito puntos que conformaban a orde do día. Á mesma, asistiu Juan Carlos Escotet, o tamén presidente de Banesco Grupo Internacional, que abandonou temporalmente a presidencia de Abanca pola situación en Venezuela.

O máximo órgano de representación da entidade financeira galega aprobou as contas anuais individuais e consolidadas de 2017, así como os informes de xestión verificados por KPMG Auditores.

En 2017, Abanca obtivo un beneficio neto de 367 millóns de euros, un 10% máis que no exercicio anterior. A actividade do banco no pasado ano traduciuse "nun avance consistente e significativo dos principais indicadores en materia de rendibilidade, calidade do risco, solvencia, liquidez e dinamismo comercial, o que permitiu cumprir os obxectivos estratéxicos fixados para o trienio 2014-2017", sinala.

Ademais, apunta que mantivo ao peche de 2017 un elevado nivel de capitalización (cociente CET1 do 14,6%) e unha folgura de 1.762 millóns sobre os requirimentos.

RESPONSABILIDADE SOCIAL CORPORATIVA

As contas aprobadas inclúen a Memoria Corporativa e de Responsabilidade Social Corporativa que recolle as actuacións de Abanca e Afundación do ano pasado.

En 2017, a entidade financeira dotou con máis de 5 millóns de euros a Afundación para o desenvolvemento das súas actividades de educación superior e formación profesional, envellecemento activo e desenvolvemento sociocultural. Grazas a este apoio, os programas de Afundación beneficiaron o ano pasado a 1.100.000 persoas.

A acción do banco no ámbito da Responsabilidade Social Corporativa compleméntase con iniciativas propias que en 2017 tiveron como eixos centrais "o bo goberno, a educación, o desenvolvemento da sociedade, a cultura e o medio ambiente".

Entre as accións máis relevantes, a entidade destaca a visita a Galicia do director de orquestra Gustavo Dudamel no marco de 'Palabras para Galicia' de Abanca; a restauración do mural de Urbano Lugrís 'Vista da Coruña 1669' e a exposición organizada polo banco sobre a obra do artista.

OUTRAS ACCIÓNS

No ámbito do voluntariado, Abanca promoveu a campaña solidaria 'Unha nova árbore', que permitiu a repoboación con especies autóctonas dalgunhas das zonas máis afectadas pola vaga de incendios do pasado mes de outubro. Outro feito destacado o ano pasado foi a incorporación do colectivo de usuarios de Down Galicia ao programa de educación financeira que desenvolve o banco e que beneficiou xa a máis de 31.000 persoas.

A entidade lembra que, desde a súa creación en 2014, Abanca destinou máis de 30 millóns de euros a investimento social e apunta que en 2018 a achega a Afundación ascenderá a 11 millóns.

Por outra banda, a Memoria Corporativa destaca que a actividade directa e indirecta de Abanca xera impactos positivos na súa contorna sobre a economía, a recadación fiscal e determinados aspectos sociais. Entre eles destaca "a achega ao mercado laboral de 4.352 empregos directos de calidade (un 94% dos profesionais teñen contrato fixo), dos cales 3.513 están situados en Galicia, un 80,7%".

A iso, suma a contribución fiscal de Abanca, que supuxo en 2017 un total de 302,3 millóns de euros en pago de impostos directos e indirectos e achegas á Seguridade Social. Ademais, o ano pasado apoiou á administración estatal, autonómica e local "na recadación de 4.875,2 millóns de euros", engade.

Os accionistas da entidade aprobaron tamén determinadas modificacións estatutarias ao obxecto de adaptarse á recente doutrina do Tribunal Supremo en materia de retribucións dos conselleiros, así como continuar avanzando nas "mellores prácticas de gobernación das sociedades cotizadas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta